Mos leva a Pleno este mes un orzamento realista, de 8 millóns de euros, para o ano 2013

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Trátase dun presuposto marcado pola austeridade, que dará prioridade en materia de gastos ós servizos sociais e de saneamento e abastecemento de auga. A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, asegura que seguirá na busca de axudas doutras administracións para poder completar as inversións necesarias no municipio de cara ó vindeiro ano.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, fixo hoxe público que, un ano máis dende que ela preside a Corporación Municipal mosense, o Concello xa ten elaborado o orzamento para o vindeiro ano 2013, antes de que remate o presente exercicio.

Arévalo declarou neste sentido que “de novo dende o equipo de goberno local demostramos que seguimos a manter o compromiso de responsabilidade económico-finacieira respecto do presuposto anual que vimos proclamando xa dende o 2009, coa presentación do novo orzamento municipal para 2013 no mes de novembro de 2012”. E é que a rexedora local mosense xa lles deu conta ós grupos políticos da oposición do remate da elaboración do documento que dende o Concello preténdese que sexa levado ó Pleno ordinario do presente mes de novembro para a súa aprobación.

A alcaldesa informou esta mañá de que o orzamento municipal mosense para o ano 2013 ascende a un total de 8.048.034,33 euros e vai a estar condicionado polo Plan de Axuste derivado do Real Decreto para pago a proveedores. A este respecto apuntou tamén que os dous criterios fundamentais seguidos para a elaboración deste orzamento foron, novamente, a austeridade no gasto público e a eliminación dos gastos innecesarios.

Sen embargo Arévalo aclarou que esta contención do gasto en  ningún caso afectará ó gasto social, nin ós servizos públicos municipais prestados polo Concello, senón que os recursos, en función das prioridades de gasto establecidas asignaranse, en primeiro lugar ó apoio das familias, xóvenes e maiores mediante políticas de benestar e igualdade; en segundo lugar a garantir os servizos sociais, en terceiro lugar a mellorar a eficacia pública a través da racionalización do gasto, en cuarto lugar a garantir, ampliar e optimizar os servizos públicos, en especial os de abastecemento e saneamento de auga; e en quinto lugar, a garantir as achegas dos convenios plurianuais subscritos polo Concello.

A contención do gasto materialízase no orzamento municipal para 2013 en que non se incrementa o gasto no capítulo de Persoal, ou en que se manteñen e non aumentan as axudas en materia de Cultura e Deportes; entre outros aspectos. No caso destas últimas, o Concello fai o esforzo de mantelas para continuar a demostrar o seu apoio ó fomento da cultura, do deporte e das Escolas Deportivas existentes na localidade mosense.

En canto o gasto en Benestar Social, este reflicte, co incremento da partida para Axuda no Fogar, o compromiso do goberno para facer realidade o apoio ás familias, xóvenes e maiores mediante políticas de benestar e igualdade.

En materia de ingresos, no orzamento municipal para o ano 2013 adaptáronse as previsións ós datos reais da liquidación de anos anteriores e se tivo en conta o incremento derivado da modificación dos tipos impositivos dos impostos e das tarifas das taxas, derivada do Plan de Axuste.

Para concluir as súas declaracións sobre o presuposto de 2013, a rexedora local engadiu que “a vontade deste goberno, como non pode ser doutra maneira, segue a ser solventar o máis pronto posible a situación económica e, por suposto, liquidar os orzamentos con Remanentes positivos de Tesourería e, nesta liña, estamos a traballar para tratar de acadar unha cifra positiva na liquidación do presente ano 2012; por todo o cal, vinculamos o orzamento do ano 2013 ó Plan de Axuste para que nos permita recuperar a situación de equilibrio orzamentario e un Remanente de Tesourería positivo”, dixo Arévalo, quen tamén insistiu en que, “como ben sendo habitual nos exercicios anteriores e dende que son alcaldesa de Mos, reitero o meu compromiso de manter e incluso incrementar os esforzos realizados dende a Alcaldía mosense por acadar axudas económicas doutras administracións, que lle permitan a este Concello completar a realización das inversións necesarias durante o vindeiro ano”.