Mos mantén os seus convenios coa Banda e a Escola de Música de Torroso

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O Concello subvenciona, a pesar da crise, con 10.000 euros á Banda de Música Xuvenil de Torroso e con 35.000 euros á Escola Municipal de Música

 

O Concello de Mos asinou hoxe sendos convenios de colaboración coa Banda de Música Xuvenil de Torroso e coa Escola Municipal de Música que se atopa no Centro Recreativo e Cultural de Torroso.

 

Para asinar ambos convenios persoouse esta mañá no Concello o presidente da Banda de Música Xuvenil de Torroso e presidente do Centro Recreativo e Cultural de Torroso, Iván Rey Grandal. Por parte da administración local estiveron presentes a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e as edís de Cultura e Educación, Sara Cebreiro e Kely Monzón, respectivamente, que destacaron a importancia de poder manter este ano ambos convenios, tendo en conta o esforzo económico que elo lle supón a administración local.

 

No caso do convenio para o presente ano 2013 da Escola Municipal de Música a axuda consiste nunha subvención directa do Concello de Mos ó Centro Cultural e Recreativo de Torroso para o desenvolvemento da súa actividade. A cantidade achegada polo Concello depende do número de alumnos matriculados na Escola. Dado que hai máis de 170 alumnos matriculados, o Concello de Mos comprométese mediante este convenio ao pago a Escola de Música do Centro Cultural e Recreativo dunha achega durante o ano 2013 de 35.000 euros, xa que o total de matriculados supera os 140 alumnos/as.

 

Ademais no ano 2003 creouse a B.O.S.E.M.M. (Banda Orquestra Sinfónica da Escola de Música de Mos) para formar a novos compoñentes, que, á súa vez, contan con actuacións musicais propias.

 

Neste sentido, os alumnos da Escola Municipal de Música vense beneficiados en tanto en canto a Escola aminora o custo da matrícula, prorrateado o importe concedido entre o número de matriculados.

 

Sobre a renovación deste convenio, un ano máis, coa Escola Municipal de Música, a concelleira responsable da área de Educación, Kely Monzón, destacou á importancia do mesmo tendo en conta que “a música é un elemento cultural esencial no noso municipio, así coma na educación e a formación dos rapaces e rapazas en xeral, xa que contribúe a asentar as bases da súa formación persoal, así coma a potenciar as súas habilidades propias e fomentar o coñecemento da historia a través da música”.

 

A Escola de Música participa no programa de actividades educativas dentro do horario lectivo que organiza a concellería de Educación mosense cun Concerto Didáctico no Multiusos que se celebra a finais do curso escolar.

 

En canto ó convenio coa Banda de Música Xuvenil de Torroso, a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, informou de que supón unha achega económica para a citada banda de 10.000 euros.

 

A Banda Xuvenil de Torroso creouse no ano 1987 no seo do Centro Recreativo e Cultural de Torroso. A Banda de Música representa o Concello de Mos en diversas edicións do Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación Provincial de Pontevedra, conseguindo o terceiro e segundo premio respectivamente na III e IV edición, o primeiro premio e mención de honra na V edición deste e o primeiro premio na 2ª sección do 2º concurso zonal de bandas de música populares do sur de Pontevedra, organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

 

Ademais, no derradeiro Concurso Provincial de Bandas de Música da Deputación de Pontevedra, que cumpría a súa XII Edición e se celebrou os días 27 e 28 de outubro do pasado ano 2012 en Vilagarcía de Arousa, a Banda de Música Xuvenil de Torroso acadou o primeiro posto da Sección Segunda (de46 a60 músicos) do certame. A Banda participou con 57 compoñentes entre os 10 e os 37 anos de idade e baixo a dirección de Dona Ángeles Lorenzo Estevez, e interpretou “Camiño da Rogueira” obra obrigada escrita polo compositor galego Ernesto Campos e “Praise Jerusalem!” de Alfred Reed como obra libre. A este respecto as representantes municipais presentes esta mañá na sinatura do convenio, fixeron fincapé no símbolo que esta agrupación musical representa para Mos, e no orgullo que supón para o Concello “contar cunha banda, e cuns músicos, de tal alta calidade que logran situarse á cabeza do ranking provincial e entre os mellores a nivel autonómico”, dixeron; así como tamén lles deron as “gracias tanto á directora, coma ó presidente e a todos e cada un dos músicos integrantes da banda polo esforzo realizado ensaio tras ensaio, actuación tras actuación, a prol do fomento da cultura musical no municipio mosense”.

 

A Banda Xuvenil de Torroso é única no seu xénero no Concello de Mos, facendo un labor único na difusión e promoción da música instrumental, levando o nome do Concello de Mos por toda a xeografía galega, nacional e portuguesa coas súas actuacións, participando en numerosos certames de música populares.  Na actualidade, a Banda de música conta con máis de 65 compoñentes con idades comprendidas entre os 10 e os 35 anos de idade.

 

O Concello de Mos e a Banda de Música Xuvenil de Torroso levan organizando conxuntamente, dende o ano 1999, o Certame de Bandas de Música de Mos, no que ademais colaboran a Federación de Bandas de Música e a Deputación de Pontevedra, entre outros.

 

Mediante a sinatura do convenio que hoxe se formalizou a Banda de Música Xuvenil de Torroso comprométese a participar co Concello de Mos na organización e confección de obradoiros didácticos sobre o mundo musical, realizando visitas aos centros veciñais e culturais do municipio para deste xeito acercar a música ás nenas e nenos de Mos; na organización de visitas didácticas á Escola de Música dos centros educativos de Mos, en actuacións programadas dentro das festividades a celebrar no calendario anual de celebracións mosenses como son a “Festa da Rosa”e a “Festa dos Maiores”, e na organización do concerto de Santa Icía.