Mos mellora a web municipal para prestar mellor servizo ós veciños

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Esta tarde presentouse no CDL o novo portal dixital do Concello – Ver vídeo presentación
 
Esta tarde celebrouse a presentación do novo portal web do Concello de Mos, ó que xa se pode acceder a través de  www.mos.es O acto de presentación da web tivo lugar ás 20.00 horas da tarde no CDL –Centro de Desenvolvemento Local- mosense. No evento estiveron presentes, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Formación e Emprego, Facenda e Patrimonio, responsable do CDL e tenente alcalde mosense, Óscar Soto, os demais edís membros do equipo de goberno e os integrantes do equipo técnico encargado do deseño e programación do novo portal, xunto tamén con representantes de distintas asociacións do tecido asociativo mosense.
 
A páxina web do Concello,  mellorouse en paralelo á creación do espazo web específico da Área de Emprego, financiado a través das axudas Leader, que subvencionaron o proxecto “Centro de Dinamización e innovación tecnolóxica” (CDiT-MOS).
 
A reorganización dos dous espazos webs, ten como obxectivo unha maior accesibilidade aos seus contidos, e unha mellora na xestión dos mesmos. O cidadán poderá acceder a tódala información dos diversos departamentos do Concello, e incluso a xestión de determinados trámites administrativos, que lle van a permitir axilizar trámites. Nunha segunda fase, prevista para o ano 2013, incluirase na web unha sede electrónica, ou plataforma E-administración, co obxectivo de que os trámites do cidadán coa administración local poidan ser oficiais e moito máis áxiles.
 
Os servizos das distintas áreas municipais, aparecen no apartado “Servizos do Concello”, onde se pode atopar información actualizada das distintas actividades das concellerías. Na portada da web: www.mos.es, sitúase asímesmo, un apartado “A Alcaldesa responde”, dirixido a que tódalas persoas poidan facerlle directamente á alcaldesa, Nidia Arévalo, as preguntas que consideren. E por suposto un amplo espazo dirixido a dar a coñecer os recursos locais.
 
Na portada da web aparecen de maneira destacada as novas máis actuais no municipio, así como un apartado adicado ao PXOM.
 
No espazo específico da Área de Formación e Emprego, creouse un apartado de Bolsa de Emprego, “EmpleaMos”, onde as empresas poden presentar as súas ofertas, e os usuarios/as, poden candidatarse a esas ofertas. O rexistro de usuario debe ser actualizado mensualmente, para poder ter os datos actualizados no momento da casación da oferta coa demanda.
 
Asímesmo, creouse un apartado para emprendedores, onde estes poden atopar novas de interese para os seus proxectos, e unha publicación das axudas que poden solicitar, dependendo da empresa que vaian a crear.
 
Existe tamén un apartado adicado propiamente ao Centro de Dinamización e innovación tecnolóxica, onde se informa sobre a existencia de dúas aulas de novas tecnoloxías, unha adicada á formación para o emprego, e outro adicada a sesións de busca activa de emprego e a un espazo que funciona a modo de “incubadora de empresas”, onde os emprendedores ou os novos/as empresarios/as poden avaliar os seus proxectos emprendedores ou ideas empresariais.
 
Outro apartado de interese da web, é o adicado á Rede de Dinzamización Lingüística, onde existe un apartado destacado adicado á propia Rede de Dinamización da Lingua Galega; pero onde se poden atopar tamén ferramentas de aprendizaxe doutras linguas, tales coma: rumano, inglés, portugués, árabe, chinés, etc