Mos ocupa un lugar privilexiado no novo Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O Castro de Torroso e o Deus Xano son as dúas xoias mosenses. A familia de Pepe do Rolo, descubridor do Deus, estivo onte presente na inauguración do edificio

 

Onte pola tarde celebrábase a inauguración do Edificio Sarmiento no Museo de Pontevedra, á que asistiron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, acompañadas por unha familia mosense en cuia propiedade se atoparon uns dos restos históricos máis importantes do legado do municipio de Mos ó Museo de Pontevedra, os bustos do Deus Xano. Con todos eles estivo tamén, como non podía ser doutro xeito, a deputada provincial Ana Isabel Vázquez.

 

Trátase da familia de Herminia Romero Pampillón e os seus tres irmáns, fillos de José Romero Lago, alcumado coma Pepe do Rolo, quen doou ó Concello de Mos, e posteriormente este ó Museo de Pontevedra, os bustos do Deus Xano e o da que aparentemente é a súa muller, por tratarse dunha figura de aspecto feminino. Pepe do Rolo atopou na súa finca da parroquia de Dornelas estas dúas tallas do Arte Romano Provincial mentres cavaba unha zanxa fai xa 40 anos. E onte, 3 dos 4 fillos de José Romero e 7 dos seus 9 netos e netas, 10 persoas en total da familia pertencentes a dúas xeracións, achegáronse ata o Museo de Pontevedra para contemplar expostos, nun dos lugares máis privilexiados da mostra, os restos que durante tantos anos acolleu a casa familiar.

 

O Deus Xano atopado en Mos é unha divinidade clásica de dous caras, bifronte, que apareceu xunto a outro busto aparentemente feminino, que se identifica coma a esposa de Xano. Son dúas figuras asociadas a restos do asentamento dunha vila romana en Dornelas e que representan o testemuño da romanización dos pobos indíxenas galegos do noroeste, que adoitaron como propia a relixión romana e os seus deuses, ós que representaron mediante tallas coma estas, bustos toscos e castrexos que representan o novo mundo romano descuberto polos indíxenas e visto dende o seu prisma.

 

Destacar ademais a gran importancia do legado de Mos ó Museo Provincial, fundamentada no patrimonio arqueolóxico mosense que agora se exhibe no Edificio Sarmiento. Mencionar, entre outras, pezas do Megalitismo, do Neolítico concretamente, como a Mámoa de Pereiras e restos diversos asociados procedentes de fogueiras.

 

Castro de Torroso

 

Outra das xoias mosenses no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra é o Castro de Torroso, que foi descuberto en sucesivas campañas de excavación que se prolongaron dende o ano 1985 ata o1990. Aimportancia deste xacemento radica en que serveu para definir e adiantar a aparición do fenómeno castreño en Galicia cinco séculos, o que significa que o de Torroso é o castro máis antigo de Galicia, xa que ata o seu descubrimento pensábase que os castros galegos máis antigos databan do século V antes de Cristo, mentres que o Castro de Torroso é do século X antes de Cristo. Foi ocupado, como se dixo, no século X antes de Cristo e abandoado polos seus pobladores entre os séculos VII e VIII antes de Cristo, polo que permaneceu habitado uns tres séculos, 300 anos aproximadamente.

 

O Castro de Torroso ten as súas raíces, isto é, nace, na Idade de Bronce e desenvólvese nos comezos da Idade de Ferro. E nel atopáronse os primeiros e máis antigos obxectos coñecidos en Galicia fabricados de ferro, que os habitantes do Castro de Torroso lle compraban ós fenicios.