Mos ofrécelles ós seus veciños a posibilidade de optar a un dos 54 composteiros doados por SOGAMA

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O prazo de inscrición ábrese o vindeiro luns e rematará o día 29 de abril

 

A concelleira de Medio Ambiente mosense, Julia Loureiro, deu conta hoxe en Comisión Informativa da vindeira apertura do prazo para que os veciños e veciñas de Mos poidan solicitar un dos 54 composteiros que a Sociedade Galega do Medio Ambiente, SOGAMA, lle concedeu ó Concello de xeito totalmente gratuito. Dito prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns, día 22 de abril, e rematará o luns 29 deste mesmo mes.

 

Loureiro explicou que os interesados en optar a un destes composteiros poderán inscribirse cumplimentando unha solicitude que poderán obter e presentar tanto no Rexistro municipal coma no departamento de Medio Ambiente. A concesión destes 54 conposteiros dos que dispón a administración local realizarase por rigorosa orde de inscrición.

 

A edil responsable da concellería de Medio Ambiente declarou tamén que “unha serie de traballadores municipais serán formados específicamente en materia de xestión e uso dos composteiros, e serán estes mesmos traballadores os que fagan o reparto a domicilio dos respectivos composteiros ós seus 54 beneficiarios e, unha vez alí, instalaranllos e lles explicarán como empregalos correctamente; ademais de facerlles un seguemento peródico posterior para asegurarse de que o uso que se lle está a dar a ditos composteiros é o correcto”.

 

Julia Loureiro valorou hoxe esta iniciativa moi positivamente “xa que supón un paso máis na optimización da recollida selectiva de residuos no Concello de Mos”, dixo a edil, que considera “crucial a axeitada xestión dos residuos para un mantemento sostible da localidade mosense”. E é que cos composteiros se reutilizan restos de materiais orgánicos de orixe vexetal dando lugar a que a porcentaxe de residuos sometidos a tratamento final sexa menor o que supón unha gran vantanxe ambiental, económica e social. Ademais tamén lles permite ós particulares en posesión dun composteiro eliminar ou, polo menos minimizar, o uso de fertilizantes químicos como abono; e reducir o número de viaxes ós contedores para levar o lixo, posto que case a metade do lixo que se xera nos fogares galegos está formado por materia orgánica.

 

Cos composteiros existe a posibilidade de transformar a materia orgánica en compost, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo. A compostaxe é unha práctica tradicional en Galicia, consistente na separación dos residuos orgánicos para a elaboración de abono ou alimento do gando.

 

A compostaxe doméstica é un proceso de descomposición biolóxica dos materiais orgánicos xerados no fogar, como é o caso dos restos de comida e podas. O composteiro é un recipiente que facilita a circulación do aire no seu interior, onde se introducen os restos orgánicos, permitindo unha óptima accesibilidade, tanto para depositar residuos como para extraer o abono resultante. A súa función é a de manter as condicións axeitadas de temperatura e humidade para a elaboración de compost, evitando ademais a entrada de pequenos animais e roedores que poden alterar o proceso.

 

Para obter un bo compost o mellor é utilizar unha grande variedade de materiais, tendo en conta que canto máis triturados estean, maior será a rapidez da súa descomposición e fermentación. No composteiro pódense depositar froitas e verduras, cascas de ovo, arroces e pasta cocidos, pan, pousos de café, té e infusións, cinzas e serrín, papel, cartón, xornais, restos de poda e de recolleita da horta, esterco de animais herbívoros, pó e peluxe do aspirador, pelos, teas naturais e plumas.

 

Dada a asúa condición de produto natural, sen compostos químicos e libre de patóxenos, o compost actúa en moitos casos como bactericida e funxicida; e é un excelente abono contribuíndo a que as plantas teñan unha maior resistencia ás pragas e enfermidades.