Mos optimiza a seguridade no seu viario municipal con 17 asfaltados que suman unha lonxitude total de 5 quilómetros

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

Neste momento atópanse en marcha traballos de reposición de firmes nas parroquias de Mos, Louredo e Torroso. Alcaldesa e tenente alcalde visitaron as obras nos camiños de Regadas e Daniel Alonso

“O Concello de Mos mantén o seu compromiso anual de desenvolver un Plan de Mellora de Camiños Municipais en aras de optimizar a seguridade vial no viario local”, así o explicaban onte a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, durante as visitas de supervisión das obras de asfaltado que realizaron nos camiños de Daniel Alonso en Peinador, parroquia de Torroso, e Regadas, parroquia de Mos.

O Plan a executar durante o presente ano 2022 xa está en marcha e iniciadas as obras de mellora da pavimentación en varias parroquias. Concretamente os traballos comezaron polas parroquias de Mos, Louredo e Torroso.

Para levar a cabo este Plan anual, o Concello de Mos licitou un contrato de obras, que se financia con fondos propios da administración local mosense e ascende a preto de 400.000 euros.

O Plan de Mellora de Camiños Municipais deste 2022, mellorará a seguridade viaria, mediante a reposición do firme, en 17 camiños municipais de todas as 10 parroquias mosenses, que suman unha lonxitude total de 5 quilómetros.

O Concello de Mos ten como obxectivo que o viario municipal se atope nas mellores condicións de uso, o que supón un garante na seguridade viaria, é por elo que se promoven estes 17 novos asfaltados no termo municipal.