Mos organiza un curso preparatorio para a obtención do graduado en ESO

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os interesados en realizalo poden inscribirse ata principios do mes que ven

 

Esta mañá celebrouse no CDL de Mos unha reunión aberta a tódolos interesados, durante a que o concelleiro de Formación e Emprego e tenente alcalde mosense, Óscar Soto, a edil de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón, e responsables da Fudación ECCA presentáronlles ós asistentes o curso preparatorio para a obtención do título de Educación Secundaria Obrigatoria, ESO, que se impartirá nas mesmas instalacións do Centro de Desenvolvemento Local.

 

Todas a s persoas que poidan estar interesadas na obtención do título teñen para inscribirse neste curso ata principios do vindeiro mes de outubro. Trátase dunha acción formativa na que se lle facilitará ó alumnado todo o material necesario para as clases, que serán impartidas un día á semana en horario de mañá: de 09.30 horas a 13.30 horas.

 

O  Concello de Mos a través da concellería de Formación e Emprego, seguindo coas políticas de emprego que se están executando dende a área e coa finalidade de mellorar a capacitación dos profesionais e das  persoas  que no seu ámbito laboral o necesiten, e para favorecer a súa inserción laboral ou ben a súa promoción na súa empresa, ofrece esta posibilidade de preparación para as probas libres para a obtención do título de graduado en ESO.

 

As clases, que serán titorizadas, desenvolveranse durante os meses de outubro deste ano a setembro do ano 2014, atendendo así ás dúas convocatorias de exames, unha no primeiro semestre do ano, previsiblemente en maio, e outra en setembro.

 

Como se dixo, as clases serán de 4 horas, un día a semana.  A metodoloxía empregada consistirá nunha titoría grupal e individual o día de asistencia á clase e de preparación por cada alumno durante toda a semana da materia que o docente estableza dacordo á programación inicial e que ten como obxectivo cubrir as materias necesarias para a obtención con éxito do título de graduado en ESO. O desenvolvemento das clases e titorías levarase a cabo pola Fundación ECCA.