Mos, parada obligada da Ciencia en Movemento
A mostra itinerante estará asentada tres días no Multiusos mosense, onde os escolares poderán experimentar coas súas propias mans
O Multiusos das Pozas mosense acolle estes días a mostra científica itinerante Ciencia en Movemento, que hoxe pola mañá visitaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón, xunto co alumnado de quinto e sexto de Primaria dos colexios de Petelos e Pena de Francia.
Sobre esta iniciativa promovida e organizada dende o departamento municipal de Educación, as representantes locais Arévalo e Monzón declararon que “numerosos estudos demostraron que hai unha asociación clara entre a mellora do rendemento (a comprensión dos fenómenos ou conceptos involucrados) e a experiencia interactiva que os alumnos tiveron para chegar á formación de coñecementos. Na interacción promovida nesta exposición os estudantes ven, exploran, tocan, observan o que sucede e volven experimentar. Nisto consiste tamén o método científico que se desexa promover coa realización de esta actividade. A libre interacción do usuario co material facilita a atención, a comprensión e a retención da información e, por tanto, a construción do coñecemento”.
Interactuar co medio é estar involucrado, unha persoa interactúa cando se involucra no material, no tacto, cos guías, con outros visitantes e cos seus docentes, cando é parte activa por que é protagonista e é capaz de comunicarse. A eficacia da interactividade é xerar unha aprendizaxe de máis calidade e duración.
Por todo isto, e para conmemorar a Semana da Ciencia que se celebra en diferentes recursos científicos (CSIC, Universidade, etc.), lévase a cabo a actividade Ciencia en Movemento, unha iniciativa de exploración e experimentación baseada na aprendizaxe a través da práctica impartindo os participantes, tanto alumnos coma profesores, formación específica sobre diferentes materias científicas e sociais.
Con esta actividade pretendese conseguir que os mozos e mozas sexan conscientes das súas posibilidades e opten por desenvolver as súas capacidades para aprender a aprender, planificar, tomar decisións e asumir responsabilidades, así como actitudes de confianza en si mesmos, a curiosidade, interese e creatividade na aprendizaxe.
A actividade Ciencia en Movemento está a ser impartida por dous Enxeñeiros Industriais, que desenvolven esta iniciativa interesados na promoción da cultura científica e o seu interese de achegala os estudantes dunha forma atractiva, interactiva e práctica, e que xurde como resposta á escaseza de espazos educativos que brindes explicacións sinxelas de temas científicos e tecnolóxicos.
Os obxectivos desta actividade son promocionar a cultura científica dunha maneira interactiva e práctica, espertar a curiosidade dos alumnos pola ciencia, ensinar dunha maneira práctica coñecementos científicos e conseguir que os mozos sexan conscientes das súas capacidades.
Na acción a desenvolver o lema é “Prohibido non tocar” polo que a metodoloxía a utilizar é a de aprender facendo. Os monitores que guían a actividade presentan unha situación e simultaneamente expoñen preguntas sobre o que se pode esperar, sen aprobar ou reprobar as especulacións dos participantes, para despois realizar o experimento ou demostración.
Cada experimento conclúe cunha explicación que rescata as respostas previas; tal explicación está adaptada ó nivel dos participantes. Utilízanse experimentos demostrativos sobre o porqué da trascendencia do experimento á experiencia cotiá e móstranse os fenómenos desde unha perspectiva nova, interesante e con finalidade clara. Neste sentido, o experimento convértese nun xerador de coñecemento.
A actividade desenvolverase durante 3 días (22,23 e 24 de novembro), na que pasarán a visitala os alumnos de 5º e 6º de Primaria dos CEIP Atín-Cela, Mestre Martínez Alonso, Pena de Francia e Petelos (estes dous últimos visitaron a mostra esta mesma mañá); un total de 162 alumnos.
O Museo Ciencia en Movemento é un laboratorio e é un xogo con máis de 70 obxectos de formato reducido organizados nas seguintes disciplinas científicas: movemento de corpos, electricidade e magnetismo, minerais, efectos ópticos, factais, propiedades de líquidos e gases, materiais avanzados, medición, motor, enxeño, e informática.
Estes elementos axudan a comprender o funcionamento de principios físicos, químicos, biolóxicos, etc., que doutro xeito, serían menos alcanzables para calquera persoa. Ao mesmo tempo axudan a concienciarnos de que a ciencia está ao alcance da nosa man, rompendo esa barreira de incomprensibilidade da que ás veces se rodea.
A totalidade dos obxectos, salvo os que entrañan o mínimo perigo ou son de alta precisión (motores), son manipulados polos visitantes dentro dunha orde seguindo as instrucións dos monitores.