Mos paraliza sen data todas as liquidacións tributarias

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

 

– Ademais bonificará impostos como o IBI e o IAE

– O Concello anunciou hoxe novas medidas que se suman ás xa adoitadas o pasado 23 de marzo

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Facenda, Alberto Méndez, anunciaron hoxe que ás medidas tributarias tomadas o pasado 23 de marzo como consecuencia da crise do COVID-19, engádense agora novas medidas para axudar aos contribuíntes na delicada situación que a poboación xeral está a sufrir. Trátase da paralización sen data das liquidacións e de bonificacións dos impostos IBI (Imposto de Bens Inmobles) e IAE (Imposto de Actividades Económicas).

Deste xeito os representantes municipais Arévalo e Méndez informaron de que durante a vixencia do estado de alarma non se iniciará o período voluntario de pago de ningunha liquidación. E bonificaranse impostos o como o IBI e o IAE.

E inícianse os procedementos de devolución de oficio das partes proporcionais das taxas vencelladas a actividades económicas que por mor da crise do coronavirus non se teñan realizado ou se teñan visto mermadas (como por exemplo furanchos, etc.).

Ademais suspéndese tamén o cobro das taxas pola prestación dos servizos de Axuda no Fogar e o terceiro trimestre da taxa de uso de instalacións deportivas para escolares.

A nova data de inicio do período voluntario de pago será  de 30 días naturais unha vez finalice o estado de alarma con relación ao primeiro devengo suspendido  e en 30 días naturais dende esa data para o segundo. Seguirase este criterio e periodicidade se houbera máis mensualidades afectadas.

Desde o Concello lémbrase tamén que o imposto de rodaxe, IVTM, queda retrasado. Pasando a data do inicio de cobro do 1 de xuño ao 1 de xullo. E ampliando o prazo de pago de 2 a 3 meses, polo que os contribuíntes terán do 1 de xullo ao 30 de setembro para facer o pago.

O prazo de presentación de solicitudes de domiciliación do sistema ordinario (1 pago) ou domiciliación do sistema especial de pagos (2 fraccións ou pagos) poderá presentarse ao  longo de todo o exercicio, entendéndose que surtirá efectos para o ano en curso, sempre que, para o IVTM se presentase antes do 25/06/2020.