Mos presenta en Pleno a declaración de intencións de responder a tódalas alegacións ó PXOM

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

En dita declaración, consensuada e aprobada por unanimidade cos grupos da oposición, inclúese tamén o compromiso de facer o trasvase de toda a edificabilidade  posible de Núcleo Urbano a Núcleo Rural
 
A concelleira de Urbanismo de Mos, Julia Loureiro, informa de que o Concello levou ó Pleno de onte pola tarde unha declaración de intencións que resultou aprobada por unanimidade dos tres grupos políticos membros da Corporación Municipal, e que xa fora consensuada fai unha semana entre goberno e os grupos da oposición, pola que se adquiriu o compromiso de que dende a administración local se dará resposta a tódalas alegacións presentadas sobre o documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado xa inicialmente.
 
En dita declaración de intencións adquírese tamén o compromiso de facer no proxecto do PXOM o maior trasvase posible da edificabilidade de Núcleo Urbano a Núcleo Rural, como parece que é o interese xeral da maioría dos veciños. Loureiro explicou que de contado se lle dará esta indicación ó equipo redactor do Plan para que comencen a traballar nelo.
 
Neste sentido, a edil delegada de Urbanismo quixo trasladar tranquilidade ós habitantes do municipio, “xa que o Plan Xeral aínda está só aprobado inicialmente e este período de alegacións de dous meses de duración que remata o vindeiro 9 de xaneiro é para tratar de detectar e subsanar os erros que poida ter o documento actual, tarefa que levará a cabo o equipo técnico do departamento municipal de Urbanismo unha vez remate o prazo de alegacións e estean xa todas recopiladas”, asegura Julia Loureiro.
 
Sobre a declaración de intencións presentada e aprobada unánimemente onte pola tarde, a concelleira reiterou que foi un acordo ó que xa se chegara a semana pasada entre os tres grupos políticos membros da Corporación Municipal.
 
Como xa se dixo, en dita declaración adquírese o compromiso por parte do Concello de respostar a tódalas alegacións presentadas sobre o documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado inicialmente, e de facer no proxecto do PXOM o maior trasvase posible de Núcleo Urbano a Núcleo Rural, como parece que é o interese xeral da maioría dos veciños.