Mos presenta o Festival Bailamos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Celebrarase a principios de outubro e nel actuarán ata doce grupos de música e danza tradicionais

A concellería de Cultura do Concello de Mos organiza o primeiro Festival Bailamos de música e danza tradicionais. A edil de Cultura mosense, Sara Cebreiro, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, presentaron esta mañá o cartel do festival que se celebrará o domingo, día 7 de outubro, ás 18.00 horas no centro Multiusos das Pozas.

Cebreiro aproveitou hoxe a presentación da imaxe do festival para adiantar os grupos que actuarán en dita velada folclórica e que serán A Cividade de Louredo, As Pedriñas, Abrente, Arume de Guizán, Celado, Follas Novas de Guizán, Nosa Terra de Pereiras, Ruada de Torroso, Santa Eulalia de Mos, Tangaraño, O Serán de Salceda e o Dúo Bicarelo.

Tódalas agrupacións participantes son do municipio de Mos agás o grupo convidado, O Serán de Salceda, integrado por membros de 50 a 70 anos, e o Dúo Bicarelo de voces e zanfonas a cargo do que correrá o fin de festa.

Respecto desta nova iniciativa cultural a concelleira delegada, Sara Cebreiro, declarou que se trata dun econtro altamente enriquecedor tanto para os dez grupos de Mos que participarán, como para os grupos invitados e para todo o público asistente. Ademais, engadiu a concelleira, “con actividades coma ésta contribuímos á conservación tanto da música como do baile tradicionais galegos, fomentando tanto o seu estudio e práctica coma o interese neles por parte da poboación da nosa localidade”.

Tanto Cebreiro como Arévalo amosáronse ilusionadas durante a presentación ante a posibilidade de encher o auditorio do Multiusos de público que, aseguraron, se porá en pé para aplaudir o bo facer dos doce grupos participantes.