Mos presenta o seu Entroido 2013

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

As novidades deste ano son unha visita para maiores a Verín, un Campus Infantil de Fútbol e un concurso de murais; mentres que se manteñen os xa tradicionais Desfile de Comparsas, Festa Infantil de Disfraces e os obradoiros para nenos no Multiusos

 

Os concelleiros responsables do deseño e organización da programación do Entroido 2013 do Concello de Mos, presentaron esta mañá na Casa Consistorial o cartel de dito programa co respaldo e compaña da alcaldesa mosense Nidia Arévalo.

 

Os artífices da programación de actividades para o Entroido deste ano foron a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, a edil de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón; e o de Deportes, Isidoro Táboas.

 

As iniciativas incluídas no programa deste ano consisten nunha visita para maiores ó Entroido de Verín, o Campus de Fútbol Infantil de Entroido Concello de Mos-Fundación Celta de Vigo, o tradicional Desfile de Comparsas, a Festa Infantil de Entroido e os Obradoiros Infantís de Entroido.

 

A visita para maiores ó Entroido de Verín terá lugar  o domingo 3 de febreiro e contará cun múmero máximo de 55 participantes

 

Dende a concellería de Participación Cidadá, que organiza esta iniciativa, consideran que o Entroido  para os maiores,  pode ser un intento de recuperar a felicidade da infancia. E a época na que se poden romper tódalas normas, cambiar de personalidade, ou identidade e ironizar sobre as institucións mais asentadas. Deste xeito, dende este departamento municipal, preténdese ofertar aos nosos maiores a posibilidade de coñecer  outros Entroidos típicos e populares da nosa autonomía. Neste caso, os maiores mosenses terán a ocasión de coñecer os tradicionais Cigarróns, un personaxe inspirado nos antiguos cobradores de impostos que traballaban para o Conde de Monterrey, coa visita ao Concello de Verín.

 

Poderán participar nesta visita todas as persoas empadroadas no Concello de Mos maiores de 60 anos, ou pensionistas maiores de 55 anos. Para participar nesta actividade hai que apuntarse no Rexistro do Concello ou no Multiusos, facendoo de maneira presencial para asinar a solicitude. O prazo de inscrición comenza hoxe 21 de xaneiro, e rematará o 30 de xaneiro, mentres que o prazo de pago será entre 31 xaneiro e 1 de febreiro. O listado de asistentes constituirase por rigorosa orde de entrada da solicitude no Rexistro do Concello. O día 31 de xaneiro farase publica a lista de admitidos para que os participantes poidan facer o ingreso dos 23,50 euros a aboar, no número de conta da axencia coa que se realiza o viaxe. Neste prezo están incluídos as distintas visitas, xantar, autobús, seguro de viaxe e guía.

 

O Campus de Fútbol Infantil de Entroido Concello de Mos-Fundación Celta de Vigo celebrarase o sábado 9 de febreiro de 10.00 horas a 14.00 horas no Pavillón Óscar Pereiro. O prazo de inscrición comenza tamén hoxe e rematará o vindeiro día 5 de xaneiro. Os interesados en inscribir ós seus fillos nesta actividade deben cumprimentar a pertinente solicitude e presentala do Rexistro municipal ou no Multiusos. O prezo por participante neste Campus ascende a 10 euros.

 

O tradicional Desfile de Comparsas realizarase o domingo 10 de febreiro pola Avenida de Sanguiñeda a partir das 17.30 horas da tarde. Tras o desfile o evento continuará a ser amenizado musicalmente polo grupo mosense M3.

 

O luns 11 de febreiro celebrarase unha Festa Infantil de Disfraces no Pavillón Óscar Pereiro a partir das 17.00 horas. A entrada é de balde e está dirixida a nenos e nenas empadroados e/ou escolarizados en Mos con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.

 

As actividades nas que poderán participar os cativos que acudan a esta festa serán globoflexia, animación musical, interacción con diversas personaxes de fantasía, xogos cunha máquina de pompas de xabón e agasallo, a cada un dos nenos, cunha pulseira luminosa. Na festa contarase tamén cun taller de maquillaxe e con dous hinchables para os nenos menores de tres anos, que deberán permanecer sempre baixo a supervisión e coidado dos seus pais.

 

Os Obradoiros Infantís de Entroido terán lugar no Multiusos das Pozas os días 11, 12 e 13 de febreiro en horario de mañá, de 09.00 horas a 13.00 horas. Neles poderán participar nenos e nenas empadroados e/ou escolarizados en Mos de3 a 12 anos de idade. O prazo de inscrición iniciouse hoxe e rematará o día 31 de xaneiro e os interesados en que os seus fillos participen deben inscribilos tanto no Rexistro do Concello coma no Multiusos ata completar as prazas dispoñibles.

 

A lista de admitidos publicarase o día 4 de febreiro, e do 5 ó 7 de febreiro ditos admitidos poderán realizar o pagamento dos 10 euros establecidos como prezo do Obradoiro por neno participante. Esta actividade inclúe servizo de transporte en autobús dos rapaces participantes ata o Multiusos e de regreso ós seus domicilios.

 

Concurso de Carteis

 

Durante a presentación do cartel oficial do Entroido 2013 que inclúe a programación para este ano, as concelleiras Sara Cebreiro e Kely Monzón aproveitaron para anunciar e informar de que dende as concellerías de Cultura e Educación que elas, respectivamente, dirixen “queremos potenciar a creatividade dos/as nosos/as escolares e sobre todo fomentar a participación en actividades manuais e de grupo con motivo da celebración do Entroido poñendo en marcha un Concurso de Carteis Decorativos de Entroido, enfocado exclusivamente para as aulas dos colexios de Mos”, explicaron esta mañá as edís.

 

Os textos que aparezan nos carteis murais poderán estar escritos en galego ou en castelán, poderáselle engadir ademais de debuxos todo tipo de ilustracións, fotos, etc.; poderanse empregar os materiais que se desexen: ceras, lapis, bolígrafos, rotuladores, teas, recortes, etc.; o tamaño mínimo de cada cartel presentado a concurso será de1 metropor2 metros.

 

En relación ao tema, dende a organización do concurso anímase aos/ás cativos/as a engadir frases do que significan estas datas de Entroido para eles/as. O cartel deberá ser obra dos/as propios/as nenos/as de cada aula que desexe participar e incluirá nunha esquina; nome do colexio, aula e número de alumnos/as que participaron na elaboración da obra. Xunto co cartel entregarase unha folla cos nomes dos/as alumnos/as para proceder á entrega dun agasallo en caso de ser premiados/as, e só se aceptará un cartel por aula.

 

O prazo para a elaboración dos murais comenza hoxe e reamatará o xoves 7 de febreiro. Entrarán en concurso todas os carteis  entregados dentro deste prazo. O derradiro día do prazo de presentación, o xoves 7 de febreiro, pasará a recollelos por cada un dos diferentes centros educativos un traballador do Concello responsable desta actividade.

A exposición de tódolos traballos presentados terá lugar o día 11 de febreiro na Festa Infantil de Entroidoque se celebrará no Pavillón Óscar Pereiro, de 17.00 horas a 20.00 horas.

 

O premio para os creadores do mural gañador consistirá nun lote de libros para a  biblioteca do centro educativo, así coma un agasallo individual para cada alumno/a que participou na obra.