Mos presenta o seu programa para o Día da Muller

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Música e teatro protagonizarán as actividades deste ano

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Benestar Social, Sara Cebreiro, presentaron hoxe a programación con motivo do Día Internacional da Muller, que se celebra o 8 de marzo.

 

Cebreiro explicou que o programa deste ano céntrase en dous grandes actos que terán lugar no centro Multiusos das Pozas, parroquia de Petelos, os vindeiros sábado e domingo, días 9 e 10 de marzo, respectivamente.

 

O sábado 9 realizarase, a partir das 20.00 horas da tarde, no auditorio do Multiusos, un acto conmemorativo coa correspondente lectura dun manifesto, e contarase coa actuación do grupo de adultos da Escola Municipal de Música de Torroso, ‘Os Filandeiros’, e tamén do grupo de pandereteiras, ‘Sobreira’, da mesma Escola. Sobre o grupo de adultos da Escola de Música a edil Sara Cebreiro quixo destacar “o mérito do seu labor ó ser persoas maiores que incluso despois da xubilación deciden continuar estudiando, aprendendo a tocar un instrumento, e colaborando desinteresadamente co movemento cultural mosense en actividades coma esta”, declarou Cebreiro.

 

A actividade organizada para o domingo, día 10 de marzo, dará comenzo ás 18.00 horas e consistirá na interpretación da obra ‘Acto Imprevisto’ a cargo do Grupo de Mulleres do Obradoiro Teatro na Igualdade do Concello de Mos. Esta iniciativa dá continuidade ós outros tres obradoiros previos de teatro que se organizaron dende a concellería de Benestar Social que dirixe Cebreiro con motivo do Día Internacional pola Eliminación da Violencia de Xénero dos anos 2011 e 2012 e do Día Internacional da Muller do ano pasado. Neste sentido, a concelleira explicou que “esta actividade está dirixida a contribuir a promover a igualdade entre homes e mulleres, e que esa normalización da igualdade axude a eliminar lacras sociais como a violencia de xénero”.

 

O propio Día da Muller, o vindeiro venres 8 de marzo, realizarase no Concello un acto simbólico consistente no reparto de insignias conmemorativas da data, coa colaboración das mulleres do Grupo de Teatro na Igualdade, en horario de 12.00 a 13.00 horas.

 

Segundo explicou Cebreiro, “con este programa de actividades preténdese destacar o papel da muller na actualidade e a súa contribución para lograr saír da actual crise económica, o esforzo realizado polas mulleres hoxe en día para lograr conciliar as súas vidas familiar e laboral cando son nais traballadoras, o tesón das mozas que buscan o seu primeiro emprego, o valor das emprendedoras e pequenas empresarias mosenses, a entrega das deportistas e dos clubes deportivos femininos de Mos; e a solidariedade das mulleres que xestionan as asociacións de diminuídos físicos e psíquicos de Mos como son Asodifisi e as Escravas da Virxe Dolorosa, entre outros colectivos de mulleres mosenses así como casos individuais, que merecen ser honradas polo menos unha vez ó ano”, asegurou a edil.