Mos presenta un evento de Mushing Popular e Cross Running en Herville

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Terá lugar o domingo 15 de marzo e o prazo de inscrición atópase xa aberto

 

Esta tarde celebrouse a presentación do II Mushing Popular e Cross Running do Concello de Mos, que se celebrará o vindeiro domingo 15 de marzo na zona da Ermida da Virxe das Neves en Herville. A presentación realizouse hoxe na mesma zona na que terá lugar o evento deportivo contando coa presencia de Nidia Arévalo, Alcaldesa de Mos, Leo Costas, concelleiro de Medio Ambiente Sostible do Concello de Mos, Begoña Toucedo, concelleira de Deportes de Mos, Gonzalo Alonso, concelleiro da parroquia de Cela, demais membros do equipo de goberno local, Ángel Lira, presidente do Club Zarkocan, representantes da Comunidade de Montes de Herville (en cuxos terreos se celebra a presentación e o evento do día 15) e algúns dos participantes xa inscritos no evento cos seus cans.

 

Ambos eventos deportivos contan con subvención da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia; e con autorización da
Entidade Local Menor de Chenlo, por onde transcorre un tramo do percorrido.

 

O vindeiro 15 de marzo na contorna da Ermida Virxe das Neves en Herville-Cela celebrarase o II Mushing Popular Concello de Mos a partir das 09.00 horas da mañá. O evento deportivo inclúe andaina canina e canicross popular de 2 quilómetros de distancia e canicross élite, patín e bikejoring de 4 quilómetros de distancia.

 

Por outra banda, o mesmo día, á mesma hora e no mesmo enclave celebrarase tamén o Cross Running Popular Concello de Mos cun percorrido de 4 quilómetros. Ambos eventos deportivos teñen un prezo de participación de 10 euros e os interesados en inscribirse poden facelo ata o mércores 11 de marzo a través da web www.galitiming.com Para obter máis información existe o número de teléfono de contacto: 609 478 636.

 

Os representantes municipais, Arévalo, Costas e Toucedo, declaráronse hoxe “contentos e satisfeitos de poder celebrar en Mos este evento deportivo para todos os públicos, no que poderán participar persoas de todas as idades, familias, deportistas coas súas mascotas… as diferentes probas permiten que cada participante elixa en cal competir en función dos seus intereses e condición física; algo que consideramos moi acertado, moi boa idea”. “Por todo elo”, concluíron rexedora local e edís de Medio Ambiente Sostible e Deportes, “esperamos que o acto do domingo 15 en Herville sexa todo un éxito de afluencia e continuemos a repetilo durante moitas edicións máis”.