Mos presente na Presentación Oficial do Percorrido de ‘La Vuelta 20’

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Onte martes, 17 de decembro, ás 21.30 horas, celebrouse a Presentación Oficial do Percorrido de ‘La Vuelta 20’ no Hotel Madrid Marriott Auditorium, na que estivo presente a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto co Director Xeral de ‘La Vuelta’, Javier Guillén, e o ciclista mosense, gañador dun Tour de Francia e Embaixador de ‘La Vuelta’, Óscar Pereiro; entre outras moitas autoridades.

Arévalo e Pereiro xa estiveron presentes tamén o pasado sábado 14 de decembro na presentación en Santiago de Compostela das etapas de ‘La Vuelta Ciclista España 2020’ que percorrerán Galicia e entre as que se atopa a que terá saída desde Mos o 3 de setembro do ano que vén.

O Concello de Mos daba esta boa nova para o municipio o pasado 6 de decembro, data na que se abría a programación de Nadal do Concello de Mos co acto oficial de acendido do alumeado navideño na rotonda das Angustias en Sanguiñeda.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, anunciou durante o evento navideño, no que tamén estivo acompañada por Óscar Pereiro “unha gran sorpresa, un gran agasallo, para todos os mosenses, que fará este acendido do alumeado de Nadal o máis especial e inesquecible da historia de Mos, porque contaremos en 2020 coa saída dunha etapa de ‘La Vuelta Ciclista a España’”.

O ano 2020 será especial para o municipio mosense porque por primeira vez na historia, ‘La Vuelta Ciclista a España’ sairá desde Mos, na única etapa que haberá na provincia de Pontevedra e unha das 3 etapas que haberá en Galicia. Este é o gran agasallo de Nadal do Concello de Mos e da súa alcaldesa para todas e todos os mosenses.

A etapa con saída desde Mos será número 18 e terá lugar o xoves 3 de setembro ás 13.00 horas, e desde o Concello de Mos e a organización de ‘La Vuelta’ estase a estudar cal será a ubicación exacta desde onde se producirá a saída.