Mos presume de cultura urbana co II Festival “DeMostra”

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

  • O vindeiro 7 de setembro nas inmediacións do Multiusos celebrarase unha xornada ligada aos elementos que compoñen e viran ao redor da cultura urbana para o goce de mozos e adultos
  • Entre as actividades programadas haberá obradoiros de Break Dance, Parkour, Street Workout, Grafiti, Beatbox e Skate

 

A conselleira de Política Social, Fabiola García, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Mocidade, Leo Costas, a concelleira mosense de Participación Cidadá, Begoña Toucedo, e a edil de Política Social e Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, xunto con membros da organización, presentaron esta mañá no contorno do Multiusos das Pozas a segunda edición do festival de cultura urbana “DeMostra”. Por parte da organización estiveron presentes Gabriel Varela, Diego Bernárdez, David Estévez e Edgar Alonso.

“DeMostra”, festival organizado polo Concello de Mos e subvencionado pola Xunta de Galicia, persegue o obxectivo de revitalizar o municipio de Mos nunha única data chea de dinamismo, cargada de entusiasmo e actividades. Coas cales idéase aproximar a cultura urbana ás mozas e mozos mosenses, como tamén á poboación das localidades próximas que se achegue ata o evento.

O desenvolvemento do festival “DeMostra” está programado para que se desenvolva durante toda a xornada do próximo 7 de setembro en horario de 11:00 horas a 23:00 horas, no contorno do Edificio Multiusos das Pozas. Esta localización facilitará o ambiente distendido e permitirá tamén aproveitar as propias estruturas coas que conta o emprazamento ao seu ao redor, ligadas ás actividades que se realizarán.

Colaborando coa dirección do evento atópanse outras organizacións e colectivos como “Vella Escola”, “Mohikane” ou “Novalbos”, entre outros, que se encargarán de supervisar e impartir os distintos obradoiros que se sucederán ao longo do día capitaneados por expertos nas distintas disciplinas que se dividirán nas incribles modalidades de: “Street Workout”, “Grafiti”, “Beatbox”, “Breakdance”, “Parkour” e “Skate”.

Celebraranse por outra banda torneos de Basket 3X3, BMX e Scooter. As competicións contarán con varias categorías e premios variados. A inscrición nas mesmas é totalmente de balde no enderezo de correo electrónico festivaldemostra@gmail.com Os menores de idade deberán presentar autorización dos seus pais para poder participar.

Os shows tamén terán cabida no II DeMostra e consistirán en: Back to the Roots Break Show e Football Freestyle Show. Os concertos amenizarán musicalmente a xornada con Ando, Esos, Tempo, Luck e Invisivel.

Para desprazarse ata o evento os participantes dispoñerán de servizo de bus urbano gratuíto.

“DeMostra” terá tamén un stand informativo sobre as vantaxes do carné xove ofertado pola Xunta de Galicia e ABANCA, así como unha parte de concienciación medioambiental, no marco da campaña Separar con Xeito (da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático) que, en colaboración con Ecoembes, ten a finalidade de fomentar prácticas responsables en torno á correcta separación e reciclaxe dos residuos domésticos. O punto informativo desta campaña de sensibilización instalarase en horario de 16:00 h a 19:00 horas.

Con esta acción búscase promover a economía circular a través da reciclaxe dos residuos xerados no fogar e concienciar aos asistentes da importancia da separación en orixe dos residuos domésticos, en particular dos envases que se depositan no contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) e o contedor azul (envases de papel e cartón), para o coidado do medio ambiente.

Ademais da realización de actividades formativas para tódolos veciños e veciñas que se acheguen a coñecer de xeito máis axeitado o modelo da economía circular e de peche do círculo dos residuos domésticos, instalaranse puntos de reciclaxe para facilitar a correcta separación de residuos que durante esa xornada e nesa ubicación se poidan xerar.