Mos procede á aprobación definitiva do Expediente Expropiatorio para acometer a Senda Peonil de Torroso

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

Tras o que se asinarán as actas de ocupación e iniciarase o procedemento de contratación da obra, cun orzamento que ascende a 400.000 euros

 

O Concello de Mos levará próximamente a Pleno a aprobación definitiva do Expediente Expropiatorio da Senda Peonil de Torroso (na Estrada de Adro Vello, entre os núcleos das Pozas en Petelos e Seixabre en Torroso).

A obra consistirá na execución dunha nova senda para peóns e ciclistas de 2 metros de ancho, cunha lonxitude aproximada de 1,4 quilómetros, entre a glorieta situada no Camiño das Pozas (Contorna do Edificio Multiusos) e o cruzamento da Estrada do Adrovello e Cesáreo Iglesias.

A nova senda estará ao mesmo nivel que o aglomerado de circulación de vehículos, para o que será necesario ampliar a plataforma viaria actual. Onde se considerou necesario, proxectáronse muros de pedra para contención da nova senda.

Os obxectivos desta senda que se acometerá na Estrada de Adrovello entre os núcleos das Pozas (Petelos) e Seixabre (Torroso) son comunicar peatonalmente ambos núcleos e mellorar a seguridade vial, xa que son moitas as persoas que diariamente realizan a pé este traxecto.

A inversión para a acometida deste proxecto ascende a 393.379,65 euros a financiar con cargo ao Plan Concellos. A mellora da seguridade vial para os moitos peóns que a diario transitan pola zona é unha das principais prioridades do goberno local nesta que denominan “a lexislatura das persoas”. Grazas a esta nova senda os peóns terán un espazo delimitado e seguro por onde camiñar. Posto que se trata dun tramo que, como se dixo, reúne cada día a multitude de veciños e veciñas de tódalas idades, pero sobre todo maiores.

Plan de Sendas

A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, recalcou a este respecto o concepto de “lexislatura das persoas”, declarando que “dende o equipo de goberno local interesámonos polo que queren e demandan as persoas de Mos e, sabedores do interese e o hábito diario de moitos habitantes do noso municipio por saír a camiñar ao aire libre, iniciamos un Plan Local de Sendas no que se atopa incluída esta Senda Peonil de Torroso, entre outras coma a Senda Peonil e Ciclista de Atín, a Senda Circular Petelos-Tameiga (rematada no verán do pasado ano 2017), o novo tramo do Paseo do Louro e a Humanización e Senda Peonil en Puxeiros”.

Procedemento de expropiación

Agora, unha vez aprobado definitivamente o Expediente Expropiatorio da Senda Peonil, este terá un prazo de exposición pública de 20 días para que os interesados poidan presentar as alegacións que estimen pertinentes. A continuación procederase á sinatura da acta de ocupación das parcelas expropiadas por parte dos propietarios das mesmas e, seguidamente, dende a administración local poderase xa iniciar o procedemento de contratación da obra.

As parcelas afectadas, que figuran no proxecto de expropiación aprobado inicialmente, ascenden a un total de 88 e suman unha superficie de 5.026,79 metros cadrados. A contía total a aboar por parte do Concello pola expropiación das mesmas é de 33.328,72 euros.

O procedemento expropiatorio iniciouse en abril do ano pasado co acordo plenario unánime de 24 de abril polo que se aprobaba inicialmente o proxecto de expropiación por taxación conxunta dos bens e dereitos necesarios para os efectos de expropiación para a mencionada obra. Tras elo publicouse anuncio o 5 de maio de 2017 sometendo a información pública o proxecto de expropiación, publicado á súa vez no Diario Oficial de Galicia, DOG, número 105 do 5 de xuño de 2017.