Mos programa un concurso para a elección dunha frase conmemorativa do Día do Orgullo LGBT que lucirá na rotonda das Angustias

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Forma parte da variada programación de iniciativas on line que o Concello ten prevista para a celebración desta data internacional

O Concello de Mos ten preparada xa a programación conmemorativa do Día Internacional do Orgullo LGBT que se celebra o 28 de xuño.

O programa baséase, dadas as novas circunstancias, en actividades e iniciativas a través das redes sociais municipais.

Realizaranse publicacións periódicas, entre elas vídeos, durante a segunda quincena do vindeiro mes de xuño.

Ademais, como non podía ser doutro xeito, colocarase tamén durante todo o mes de xuño no balcón do Concello a bandeira LGBT como todos os anos e na segunda quincena do mes esta será a imaxe das pantallas da rotonda das Angustias xunto cunha frase conmemorativa.

Para a elección da devandita frase conmemorativa convocarase un concurso durante as primeiras semanas de xuño a través da  web do Concello.

Quen queira poderá participar enviando as súas frases e, entre elas, elixirase a gañadora que será a que permaneza publicada durante a segunda metade do mes na rotonda.

O propio Día Internacional do Orgullo LGBT, 28 de xuño, publicarase un vídeo conmemorativo, entre outros actos programados para as redes sociais municipais.

Entre as actividades previstas durante a programación deseñada polas concellerías de Mocidade e Política Social e Igualdade que dirixen os edís, Leo Costas e Sara Cebreiro, respectivamente, haberá unha breve charla a cargo de presidentes ou membros da directiva de entidades relacionadas co colectivo LGBT, ou incluso deportistas e outros personaxes.