Mos promove a campaña contra a violencia de xénero titulada “QUE A MASCARILLA NON TE CALE”

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O obxectivo desta iniciativa é alentar a toda a poboación mosense a denunciar o maltrato, tanto no caso daquelas mulleres que o estean a sufrir, como no caso de calquera persoa que sexa coñecedora de un caso, xa que a raíz do confinamento decretado con motivo do estado de alarma detectáronse máis episodios de violencia machista

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Igualdade do Concello de Mos, Sara Cebreiro, anunciaron hoxe a posta en marcha conxuntamente entre o departamento municipal de Política Social e o Centro de Información á Muller, CIM, de Mos, dunha campaña de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero baixo o título “QUE A MASCARILLA NON TE CALE”.

 

O obxectivo desta iniciativa é alentar a toda a poboación mosense a denunciar o maltrato; tanto no caso daquelas mulleres que o estean a sufrir, como no caso de calquera persoa que sexa coñecedora dun caso de violencia.

 

A  raíz  do confinamento decretado con motivo do estado de alarma, apreciamos un incremento da violencia machista que sufren as mulleres a mans das suas parellas ou exparellas que xorde a raíz de ter que convivir durante 24 horas, en situacións xa deterioradas anteriormente, o que incrementa  o nivel de estrés e de control  patriarcal.  O confinamento sufrido con motivo da pandemia sanitaria provocada polo COVID-19, está polo tanto a acarrear graves consecuencias polas que as mulleres vense obrigadas a permanecer máis tempo nas casas, ademáis de recaer sobre elas o peso dos coidados familiares, o que incrementa os conflictos familiares, ademais de illalas socialmente, o que as fai máis vulnerables e susceptibles de cara a sufrir episodios de violencia machista” declararon as representantes municipais Arévalo e Cebreiro.

 

Por iso desde o CIM de Mos xunto coa concellería de Política Social emprendeuse esta campaña de apoio, prevención e sensibilización en momentos que están a ser especialmente complicados para toda a sociedade e, en especial, para as persoas máis vulnerables.

 

Os teléfonos do CIM son 986 337 278 e 673 069 866 e os horarios de atención presencial son os luns e mércores de 9 a 14 horas para atención psicolóxica, os martes e venres de 9 a 14 horas para asesoramento xurídico e tamén os xoves de 15.30 a 20.30 horas para asesoramento xurídico.

 

O Centro de Información á Muller constitúe un servizo gratuíto, subvencionado polo Concello de Mos e pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.