Mos realiza un control de calidade nas súas instalacións deportivas máis usadas

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O obxectivo: optimizar a seguridade e o confort dos usuarios. A ronda de supervisión e mellora iniciouse na pista de Abrente, cuios traballos xa están case rematados

 

Tras as obras de mellora das dependencias da Piscina Municipal e o Pavillón Óscar Pereiro durante o breve parón de actividade navideño nos mesmos, a concellería de Deportes mosense que dirixe o edil Isidoro Táboas continuará, ó longo destes primeiros meses do ano, a realizar unha ronda de supervisión das instalacións deportivas municipais máis utilizadas para detectar e reparar os posibles desperfectos existentes, motivados polo intenso uso ou por outras causas, para optimizar así a seguridade dos usuarios que acuden asiduamente a ditas instalacións.

 

Tal é o caso da pista polideportiva situada xunto ó Circulo Cultural Abrente, na parroquia de Torroso, que se trata dunha das pistas municipais máis utilizadas xa que nela desenvólvense numerosas actividades deportivas tales coma, futbito, baloncesto, clases de tenis, etc.

 

Esta pista foi a primeira supervisada nesta ronda de revisión emprendida dende a concellería de Deportes e xa está a ser reparada e mellorada. En concreto estase a optimizar a seguridade na pista mediante o reforzo das vallas laterais e centrais, que estaban deterioradas debido ás inclemencias meteorolóxicas e que, ó ser unha infraestrutura deportiva tremendamente concurrida e con numerosos nenos e nenas entre os seus usuarios, compría unha inminente solución do problema que, ademais, foi demandada tamén polo propio Círculo Cultural Abrente.

 

Os traballos nesta pista atópanse xa moi avanzados, prevéndose que queden rematados durante esta mesma semana, e para supervisalos antes do seu remate achegáronse esta mañá a visitar a obra a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Deportes, Isidoro Táboas, e o edil da parroquia de Torroso, Alberto Méndez; e foi alí onde Táboas informou de que “este é o primeiro paso dun plan de revisión e mellora das instalacións deportivas municipais máis utilizadas co que, dende a concellería de Deportes, pretendemos optimizar a seguiridade dos usuarios e o seu confort á hora de facer uso das mesmas”, declarou.