Mos rebaixa máis dun 73% a débeda a proveedores e reduce en 40 días o período medio de pago

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Hoxe aprobouse en Pleno un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 290.000 euros

 

Esta mañá ás 14.00 horas celebrouse por videoconferencia o Pleno Ordinario do mes de maio no que se aprobou un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 290.000 euros para pago a proveedores.

Trátase de facturas correspondentes ao ano 2019 pero que foron presentadas polos respectivos proveedores en 2020 por iso teñen que ser recoñecidas en Pleno. Na súa maioría son facturas referidas a servizos esenciais e xerais con emisión de facturación periódica ao Concello tales como os subministros eléctrico, telefonía e Correos; o cánon de Sogama, o servizo municipal de recollida de lixo… etc.

Sobre este recoñecemento extraxudicial de crédito a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, declarou hoxe que “en principio está previsto que este poida ser o último do presente 2020 e os recoñecementos extraxudiciais de crédito aprobados no que vai de ano, foron posibles grazas a que aprobamos o orzamento en tempo e forma e xa estaban contemplados nel para poder asumilos. Cando o ano pasado aprobamos o orzamento municipal para 2020, desde o goberno local xa anunciamos que se trataba dun orzamento de transición para reconducir e depurar a situación económica municipal previa e, sen embargo estamos a mellorar as previsións iniciais que había cando o aprobamos, e así se constata desde Intervención e Tesourería”.

“A situación de liquidez da administración local é moito mellor agora que fai un ano, como así certifica o informe de Tesourería que especifica que: “apréciase unha considerable melloría con relación aos primeiros meses do ano e respecto do mesmo período do ano 2019 (os informes mensuais sobre os orzamentos de tesourería recollen este dato)””, explicou a rexedora local mosense.

Ademais Arévalo informou de que, a data de hoxe, o ‘desfase de liquidez’, é dicir, os pagos pendentes a proveedores en Tesourería, é un 73,3% inferior que fai un ano, en maio de 2019. A reducción dos pagos pendentes a proveedores en Tesourería foi máis que considerable en tan só un ano, sendo a porcentaxe de reducción de débeda comercial do 73,3%.

As facturas que quedan pendentes de pago a día de hoxe no Concello de Mos corresponden a 7 proveedores municipais, tratándose na súa maioría pagos correspondentes a certificacións de obra.

“Outro dato que valoro de xeito moi positivo”, concluiu Arévalo, “é que reducimos moito o período medio de pago a proveedores (PMP), actualmente estamos a pagar nun prazo de 33 días, con tan só 3 días de diferencia cos 30 días que marca o Ministerio para cumprir co PMP. Melloramos polo tanto en case 40 días o prazo de pago que manexabamos no trimestre anterior e que era dunha media de 71.36 días”. “En definitiva, o equipo de goberno local mosense e eu como alcaldesa estamos moi orgullosos de estar reconducindo a situación e, a pesar desta crise sanitaria do COVID-19 que estalle a xerar gastos imprevistos ás arcas municipais, aínda así estase a facer unha importantísima contención de gasto que nos permite dar estes datos tan positivos que melloran incluso as nosas previsións”, apuntou a alcaldesa.