Mos recibe da Xunta material sanitario de protección

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A alcaldesa mosense agradece enormemente á administración autonómica esta aportación de luvas e mascarillas, xa que nestes intres trátanse de elementos vitais para dotar ao persoal máis exposto ao virus durante a súa xornada laboral

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou hoxe de que o Concello mosense ven de recibir estes días da Xunta de Galicia varias caixas de material sanitario con centos de luvas e mascarillas.

 

Esta dotación sanitaria chegou ao municipio despois de que a rexedora local mosense se puxera en contacto coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra para demandalo, obtendo por única resposta a remisión á administración autonómica. Tras o cal Arévalo contactou coa Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Corina Porro, quen fixo a xestión para que Mos recibise este material tan necesario en poucos días. O Concello xa recepcionou varias caixas e hoxe recollerá máis material.

 

É por elo que a alcaldesa quixo “agradecer enormemente tanto o material de protección xa recibido da Xunta como o que hoxe imos recoller, xa que nestes intres trátanse de elementos vitais para dotar ao persoal máis exposto ao virus durante a súa xornada laboral como son as os/as traballadores/as do Servizo de Axuda no Fogar, os/as axentes da Policía Local de Mos, Servizo Municipal de Emerxencias, voluntarios/as da Agrupación de Protección Civil, persoal de limpeza… etc”.

Incluso a administración local está valorando, de ser posible, colaborar aportando material sanitario aos profesionais mosenses que están a prestar servizos de primeira necesidade e traballando cara ao público (alimentación, panaderías, farmacias, estancos…) e están a sufrir a carencia destes elementos de protección.

 

Nidia Arévalo concluiu reiterando o agradecemento á Xunta “porque é a única administración que nos aporta algo deste material tan vital e imprescindible nestes días”.