Mos regula a exposición e venda de vehículos na vía pública

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os particulares interesados en levar a cabo esta práctica deberán solicitar previamente un permiso municipal que non implicará pago de taxa algunha

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Réximen Interno, Isidoro Táboas, informaron hoxe de que se aprobou no Pleno da Corporación Municipal que se celebrou esta mañá unha ordenanza que regula a venda de vehículos a motor e ciclomotores por parte de particulares na vía pública e que se atopa incluída na ordenanza xeral de medio ambiente do Concello de Mos no referente á instalación de publicidade exterior.

 

A decisión de aprobar dita ordenanza surxe ó rexistrarse en certos espazos públicos do Concello de Mos a venda de vehículos á marxe dos establecementos mercantís e ocupando a vía pública coa conseguinte merma da capacidade das infraestruturas municipais e a utilización abusiva tamén do dominio municipal.

 

O que se pretende dende a administración local coa entrada en vigor desta ordenanza, é evitar a venda na rúa de coches, motos, furgonetas, camións, etc. á marxe da lexislación vixente e que poidan implicar situacións de negocios encubertos. Deste xeito e a partir de agora, aqueles particulares que queiran vender o seu automóvil utilizando o método da cartelería nas ventanillas cando o vehículo se atope estacionado, poderán facelo, de xeito aislado e puntual, pero sempre con previa solicitude de autorización municipal. De ser concedida dita autorización por parte do Concello, concretamente do departamento de Medio Ambiente, o particular en cuestión disporá de tres meses para ter anunciado que se vende no propio vehículo; prazo que poderá ser prorrogado a tres meses máis se o dono do coche aínda non logrou vendelo e sempre e cando o propietario solicite dita prórroga.

 

Dende o Concello de Mos quérese destacar que a persoa que solicite o permiso de venda do seu vehículo particular na rúa debe ser o titular que figure no permiso de circulación do mesmo e estar ó corrente de pago dos tributos municipais, así coma ter en vigor o seguro obrigatorio e a Inspección Técnica de Vehículos, ITV. Ademais, unha vez obtido o permiso, tanto dita autorización municipal coma o anuncio de venda deberán ser exhibidos de xeito visible no vehículo en cuestión. Asimesmo os representantes municipais especificaron durante as súas declaracións desta mañá ó respecto deste tema que, unha vez entre en vigor a ordenanza, os coches autorizados para ser expostos na rúa co fin de ser vendidos, non poderán permanecer no mesmo lugar da vía pública durante máis de sete días consecutivos.

 

A solicitude deste permiso non implicará ningún tipo de pago de taxas por parte dos particulares solicitantes. Sen embargo, a non solicitude do mesmo terá como consecuencia unha sanción de entre 750 e 3.000 euros dependendo de se a infracción é considerada leve, grave o moi grave.

 

En definitiva, o Concello de Mos considera que a venda de vehículos na vía pública realizada por particulares á marxe dun establecemento mercantil debe contar con previa licencia municipal, polo que se aprobará unha ordenanza que prohiba expresamente a exposición para a venda de automóviles na rúa sen previa autorización municipal de xeito que, de non posuír dita autorización, tamén quedaría vedada a colocación de carteis de calquera naturaza destinados á venda do propio vehículo. No caso de incumplimento da ordenanza e de imposición de multa, para a gradación de dita sanción se terán en conta os prexuízos ocasionados, a intencionalidade, a reiteración e a trascendencia social da infracción.