Mos retoma os concursos de todos os contratos de servizos e subministros que se interromperan pola crise do COVID-19

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

– O 80% das contratacións están xa a piques de adxudicarse e estímase que de cara a finais do vindeiro verán poidan estar todas adxudicadas

– Supón unha importante medida de aforro que permitirá aforrar alomenos, un 10% do total do orzamento municipal anual e entre un 10 e un 20% en cada servizo

No mes de febreiro anunciábase desde o Concello de Mos unha medida de aforro consistente en sacar a concurso público a contratación de todos os servizos e subministros municipais. Se ben se iniciou, este procedemento quedou interrompido debido a crise do COVID-19, e agora reanudouse novamente.

Precisamente esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, mantiña unha reunión neste senso co Secretario e a Interventora e a Enxeñeira municipais, xunto con outros membros dos departamentos de Contratación e Intervención. Tras a devandita reunión a rexedora local mosense informaba de que o 80% das contratacións están xa a piques de adxudicarse e se estima que de cara a finais do vindeiro verán poidan estar todas as contratacións adxudicadas.

Arévalo anunciou que esta mesma semana aprobarase a proposta de adxudicación das empresas concesionarias dos 3 contratos dos servizos de limpeza viaria e desbroce de cunetas, mantemento de zonas verdes e equipos de calefacción e climatización.

Por outra banda atópanse en fase de apertura de ofertas presentadas a concurso outros 3 contratos: os de mantemento de alumeado público e subministros de material de oficina e productos de limpeza.

Tamén a finais desta semana abrirase o prazo de presentación de ofertas para optar aos contratos de subministro de combustible para calefaccións, material de vías e obras, renting de vehículos municipais, servizo de prevención de riscos laborais, aluguer de maquinaria de obras e mantemento de alarmas nas instalacións municipais.

A continuación sacaranse tamén a concurso público os servizos de mantemento de ascensores, punto limpo e seguros municipais.

A maioría destes contratos serán por un prazo de duración de 2 anos prorrogables outros 2 ata un máximo de 4 anos.

A este respecto a alcaldesa explicou hoxe que “esta medida suporá unha importante reducción de gasto para as arcas municipais, e con este sistema de contratación producirase un cómputo de aforro de, alomenos, un 10% do total do orzamento municipal anual e entre un 10 e un 20% de aforro económico en cada servizo“.