Mos rexeita a violencia de xénero

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os exteriores do Pazo de Mos acolleron a concentración, lectura de manifesto e posterior minuto de silencio polas tres mulleres asasinadas a pasada fin de semana

Hoxe ás 20.00 horas no Pazo de Mos celebrouse unha concentración de repulsa á morte de tres mulleres vítimas de violencia de xénero durante a pasada fin de semana, unha delas na Comunidade Autónoma Galega. Concentración seguida dun minuto de silencio polas tres mulleres vítimas de violencia de xénero desta fin de semana, así como por todas e cada unha das que teñen sido asasinadas.
Entre os asistentes estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro e outros membros da Corporación Municipal do Concello de Mos.
A rexedora local mosense realizou a lectura do manifesto institucional de rexeitamento no que se expresaba que “o Concello de Mos, en nome dos seus veciños, desexa manifestar a súa firme repulsa e condena polos terribles asasinatos de tres mulleres a mans das súas parellas ou exparellas acontecidos este pasado fin de semana”.
Arévalo continuaba a intervención lamentando que “como voceira desta institución, quero expresar tamén a nosa profunda dor e trasladarlle o noso sincero pésame e apoio á familia de todas elas e, especialmente, á de María José Aboy, veciña de Valga, así como á de Estrella Domínguez, natural de Sober, que foi asasinada o venres en Madrid, lugar onde residía”.
A través deste acto de repulsa o Concello de Mos manifesta tolerancia cero ante calquera comportamento machista e desenvolve políticas activas de igualdade, con medidas trasversais a todo o Concello.
Estas tres terribles novas chegaron cando un grupo de mulleres de Mos estaba facendo o Camiño de Santiago como un acto conmemorativo do Día Internacional da Muller, convocado polo Concello, e que concluiu hoxe mesmo.
O Camiño de Santiago que convocou a estas mulleres facíase cunha serie de obxectivos que hoxe en día, e máis que nunca, cómpre lembrar e pór de manifesto: reividicar o papel da muller na sociedade, facer valer os nosos dereitos e rexeitar e denunciar calquera tipo de violencia machista contra as mulleres.
Lamentablemente, e mentres que no Concello de Mos se celebraba esta actividade de concienciación e sensibilización social así como en toda España sucedíanse as concentracións con motivo do Día Internacional da Muller, a realidade golpeaba de novo coa peor das novas: os terribles asasinatos de tres mulleres, dous delas ademais da Comunidade Autónoma Galega.
A día de hoxe son xa 12 mulleres as que tinxen de negro este 2019. Desde o Concello de Mos insístese no compromiso de traballar na erradicación desta violencia que non debe ter cabida na sociedade.
A alcaldesa concluiu a lectura do manifesto declarando que “subscribimos neste manifesto a nosa implicación e traballo constante na defensa dunha sociedade xusta e igualitaria para homes e mulleres. Seguros de que todos os que estamos aquí hoxe, así como todos os veciños de Mos, se suman a este manifesto”.