Mos será esta fin de semana capital do tenis de mesa

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Nas instalacións do club Always T.M. en Sanguiñeda celebraranse o II Torneo Internacional 24 Horas Always T.M. e o I Trofeo SOMOSMOS

 

O concelleiro mosense de Mocidade, Leo Costas, e a edil de Participación Cidadá e Deportes, Begoña Toucedo, xunto con Samuel Pereiro Costas, propietario de ALWAYS T.M. e o Xefe de Comunicación de AlwaysT.M., Manuel Pereiro, presentaron esta mañá nas instalacións do clube deportivo en Sanguiñeda o II Torneo Internacional 24 Horas Always T.M. e o I Trofeo SOMOSMOS que se celebrarán esta fin de semana, os días 3 e 4 de agosto.

Para participar no encontro deportivo organizado por Always T.M. os interesados poden inscribirse chamando ao teléfono 667 91 07 75 ou escribindo ao enderezo de correo electrónico tenisdemesa@alwaystm.com. O prazo de inscricións pecharase mañá martes 30 de xullo ás 22.00 horas.

As categorías de participación son as seguintes: pre-benxamín, benxamín, alevín e infantil (inscrición 5 euros), absoluta feminina e masculina e afecionados (inscrición 10 euros).

Os premios para os tres primeiros clasificados das categorías absolutas serán un trofeo máis 80 euros de premio para o primeiro, trofeo e 40 euros para o segundo, e trofeo e 20 euros para o terceiro clasificado.

Para a organización destes dous torneos Always T.M. conta coa colaboración e patrocinio de diferentes entidades e empresas entre as que se atopan DAF e Mabesoa.