Mos suma unha nova veciña centenaria

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Dolores Lorenzo celebrou o pasado domingo o seu 100 aniversario na compaña de 60 familiares

A mosense Dolores Lorenzo Alonso celebrou o pasado domingo, 14 de abril, o seu 100 aniversario rodeada de 60 persoas entre irmás, fillos, sobriños, netos e bisnetos. Entre os asistentes tamén se atopaba a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.
Ademais onte tamén lle fixeron unha celebración polos 100 anos no centro de día ao que asiste diariamente dende fai 5 anos.
Dolores naceu un 14 de abril de 1919 na parroquia de Cela, en Atín-Sequeiros, e traballou ata os 68 anos no campo e de xornaleira; incluso ía ao xornal ao Porriño.
Tivo dous fillos e continuou vivindo en Cela ata fai 28 anos, cando se trasladou a Pereiras á casa do seu fillo máis novo, Jorge Lorenzo, e da súa nora, Flora Pérez Ucha. En Cela viviu, xunto cos seus fillos Manuel e Jorge (sendo estes pequenos), cunha tía materna solteira.
Actualmente os fillos de Dolores teñen xa 73 anos –Manuel Lorenzo Alonso- e 70 anos –Jorge Lorenzo Alonso-. E Dolores conta con 7 netos, 3 fillos de Jorge e 4 de Manuel, e 8 bisnetos.
Durante a celebración do pasado domingo tamén estiveron presentes as súas irmás, Emilia Lorenzo de 90 anos, e Dora Lorenzo de 87 anos. Eran en total 7 irmáns pero Dolores, Emilia e Dora son as tres que aínda viven, posto que os outros 4 faleceron.