Mos ten en camiño 2.000 mascarillas infantís para os cativos mosenses de 3 a 10 anos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O material sanitario de protección infantil, tipoloxía FFP2, foi doado pola empresa mosense RODAVIGO

 

O Director Xeral da empresa mosense RODAVIGO Suministros Industriales, Rodamientos Vigo S.A., Nazario Correa Sestelo, ven de confirmar que doará a Mos, a través da iniciativa ‘Pulso Solidario’,  2.000 mascarillas infantís para protexer á poboación mosense de entre 3 e 10 anos de idade. Así o anunciou hoxe a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo.

RODAVIGO atópase ubicada no mosense Polígono Industrial do Rebullón.

Arévalo, rexedora local do Concello de Mos, informou de que, tras a iniciativa municipal de dotar a toda poboación xeral adulta mosense de mascarillas a domicilio, agora “prevese que as 2.000 mascarillas infantís cheguen ás nosas mans o vindeiro venres 1 de maio e desde o Concello comezaremos a envialas por correo postal aos domicilios dos/as cativos/as o luns 4 de maio“.

Para elo desde o departamento de Rexistro Xeral e Padrón Municipal atópanse xa traballando para localizar todas as direccións dos fogares dos destinatarios destas mascarillas que contan cunha característica moi importante, que é que se tratan de tipo FFP2 con homologación certificada.