Mos terá rematado a vindeira semana o seu cuarto parque biosaudable

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Atópase ubicado no Campo da Feira, en Puxeiros, e a súa instalación está subvencionada por Agader

Fai dúas semanas que se iniciaron as obras de instalación dun parque biosaudable no Campo da Feira en Puxeiros, traballos que foron supervisados esta mañá pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Vías e Obras mosense, Alberto Méndez, e o edil de Parques e Xardíns, Cándido Pérez.

O orzamento desta obra ascende a 32.200 euros, que se financian mediante unha subvención concedida ó Concello de Mos pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural que conta co cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, Feader.

Tras a visita matinal realizada hoxe ó Campo da Feira por parte dos representantes municipais, o concelleiro responsable de Parques e Xardíns, Cándido Pérez, anunciou que “os traballos do parque biosaudable se atopan xa moi avanzamos e prevemos que ó longo da vindeira semana queden totalmente rematados”.

“A instalación dun parque biosaludable no Campo da Feira de Puxeiros serve para recuperar esa zona da parroquia mosense de Tameiga, ó supoñer unha mellora que beneficiará e activará o uso por parte de particulares tanto do Campo da Feira como da carballeira que nel se atopa”, explicaba Pérez. Este proxecto está a ser executado na parte superior esquerda do recinto do Campo da Feira, e dará servizo ós maiores e adultos de Puxeiros en particular e de toda a parroquia de Tameiga en xeral.

 Detalles do proxecto

O obxetivo do proxecto de instalación dun parque biosaudable no Campo da Feira é o de completar as instalacións do referido Campo. A necesidade deste proxecto ven xustificada pola mellora e beneficio que obteñen as  persoas coa implantación de espazos verdes ubicados nos núcleos de poboación, compostos por diferentes equipos de ximnasia, que permiten manter a forma física e previr ou tratar diferentes doenzas ou lesións concretas.

No entorno do Campo da Feira existe un parque infantil polo que a oferta do parque biosaudable proxectado contribúe no beneficio dun sector amplo da poboación complementando as instalacións xa existentes.

Os parques biosaudables están deseñados para a práctica do exercicio físico de adultos a partir dos 40 años e son especialmente recomendables para maiores de 60 porque melloran a mobilidade, aumentan a flexibilidade e tonifican a musculación de todo o corpo.

As actuacións plantexadas neste proxecto reforzarán e potenciarán o beneficio á comunidade dos habitantes do Concello mosense. A implantación deste novo parque biosaudable en Mos, pois xa existen outros tres, -un en Sanguiñeda, outro en Queirón-Louredo e outro na Pateira, parroquia de Mos-, contribue á mellor distribución e accesibilidade da oferta para a mellora física dun amplo sector da poboación.

As actuacións ou obras que se están a desenvolver no Campo da Feira son a instalación dun parque biosaudable con 9 elementos de exercicios sobre unha soleira continua que favorece os exercicios, a creación dun paseo de zahorra similar ó xa existente que comunica os elementos do parque biosaudable, a dotación de 3 puntos de iluminación nas 3 zonas de exercicios do parque biosaludable, e a dotación dunha mesa para xogos, bancos e papeleiras.