Mos: Terra de Muíños

Coñecer Mos a través dos séus muíños, cheos de historia e de historias…

Non hai muíño sen regato ou río, nin río en Galicia que non teña un muíño.

Tipos de muíños

Muíño de canle

Neste tipo de muíños a auga vai dende o río até o reducio por unha canle de pedra ou de madeira, dependendo da antiguidade do muíño. A canle debe ter unha inclinación determinada para que a auga acade a velocidade axustada para pór en funcionamento o reducio. Este tipo de muíño necesita moita auga para moer.

Muíño de cubo

Neste tipo de muíños no lugar dunha canle, ten un recipiente en forma de cubo para almacenar a auga. Este tipo de muíños necesitan moita menos auga que os muíños de canle. A auga sae por unha pequena canle de forma cadrada (bofetón). O cubo, feito en pedra, debe ter unha inclinación importante (xeralmente aproveitase a propia inclinación do terreo) para que a auga saia coa forza axeitada. O cubo vaise estreitando a medida que avanza, para que a presión se centre só nun punto e esta sexa maior.

Este tipo de muíño pola súa sinxeleza requiriría un mínimo de infraestrutura, pero por contra precisaba da existencia de cursos de auga aínda que non fosen cun caudal considerábel. Este é o caso dos muíños de Santa Mariña en Dornelas, onde non hai ríos importantes, pero si nacentes con grandes desniveis os cales permitían a súa instalación puidendo citar Muíño da Pedreira, o Muíño do Medio, Muíño O Darriba ou o Muíño do Salto.

Outros muíños existentes en Mos ademais dos citados anteriormente, son os Muiños de San Mamede de Torroso, os Muíños da Porteliña ou os Muíños de Santa Eulalia de Mos. Algúns deles con máis de 300 anos de antiguidade como os Muíños de Gamil na parte baixa do río da Virxe. En Louriñó, na parroquia de Torroso, atopámonos co Muíño de Aboo, citado na escritura de testamento de Dña. María Antonia Troncoso a cal comprárao despois de casar polo ano 1722. Cara á ponte de Roma atopámonos co Muíño do Reboullo con máis de 250 anos de antiguidade.

Os muíños de Mos na máis grande parte dos casos atópanse encravados en lugares de grande beleza, non abstante presentan para os habitantes un relativo illamento debido á separación dos núcleos de poboación o cal era especialmente grave en tempos pasados cando os camiños e medios de transporte eran precarios.

A Maquía

Os medios que empregaban para o maquileo, eufemismo co que se designaba a esta apropiación fraudulenta, eran variados, dende cargar a romana ou a báscula na que se pesaba o trigo, millo ou fariña, a devolver o peso equivalente ao do gran sen lavar, quedándose co sobrepeso que resulta despois de mollalo, ou deixar deliberadamente algunha fariña no espazo existente entre as pedras e o gardapolvo, alegando por parte do muiñeiro calquera causa que xustificase a ausencia de fariña: demasiadas impurezas, espolvoreo, etc… Non obstante, a pesares destas notas discordantes, a comunidade recoñecía, en xeral, a importancia social do servizo que lle prestaba o traballo do muiñeiro e lle correspondía cun prestixio social bastante elevado.

Os muiñeiros esforzábanse por manter boas relacións con todos os membros da comunidade, a consideración reflíctase de modo moi claro na animoloxía popular, expresadas entre outras moitas formas a través das cancións, refráns, narracións, contos e consellos. Muíño e muiñeiro foron centro de multitude de tradicións, lendas e historias e como indicamos anteriormente expresadas en cancións populares como aquela que dice: Unha noite no muíño, unha noite non é nada, unha semaniña enteira esa sí que é foliada…

Os muíños soían ser ademais centros de relación entre persoas de distintos lugares, as cales se atopaban neles coa fin de moer o seu gran, intercambiando de paso novas e comentarios, servindo en ocasións coma punto de encontro para os máis diversos fins, todo o cal contribuía a consolidar a identidade e a integración dunha determinada zona.

Debido á introdución de certos elementos técnicos que permitiron unha suavización do traballo do muiñeiro, este puido empregar este tempo noutros traballos e ocupacións económicas. É decisiva a introdución de elementos tales como as pedras francesas, as cabrias para o seu desmonte, as máquinas limpiadoras e cernidoras, que liberaron de traballos moi pesados e que requirían bastante tempo, como a picadura que precisaban as pedras brancas ou tradicionais do país ou como o cernido da fariña.

É agora a principios do século XX, cando todos estes elementos empezan a difundirse pola rexión como unha resposta o mesmo que a diversificación das fontes económicas do muíño á iniciada crise de supervivencia. Deste modo os muíños lograron sobrevivir, non sen dificultades até despois da guerra civil momento en que se inicia un período de expansión, inexplicabel se non se tiveran dado unha serie de circunstancias a nivel estatal que favoreceron un fenómeno reactivo, nalgúns casos espectacular, todo iso debido a unha política de recionamento e control da produción de cereais e fariña, o mesmo que outros produtos de primeira necesidade, estabelecida polo goberno franquista a través da Fiscalía de Tasas.

Os muíños seguían moendo o pouco gran nos primeiros anos de posguerra, dos particulares en forma clandestina tanto trigo, millo ou calquera outro produto co que se tivera pan ou algo parecido.