Mos traballa nas alegacións ós cambios previstos para o transporte público

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Serán presentadas oficialmente e aprobadas en Xunta de Goberno Local a vindeira semana

 

Despois de ter recibido unha notificación da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia sobre que se van a producir modificacións en varias liñas de transporte interurbán das empresas concesionarias que operan en Mos, o Concello xa presentou as súas correspondentes alegacións ós cambios propostos por unha destas empresas, concretamente Autocares Melytour, e está a traballar na redacción do documento co que se alegarán as afeccións das liñas da empresa de transportes Raúl ó seu paso polo termo municipal mosense.

 

A este respecto a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, manterá unha reunión o vindeiro luns, día 18 de febreiro, na delegación da Xunta de Galicia en Vigo, co director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, para que lle explique detalladamente como afectarían ós veciños e veciñas da localidade mosense os cambios previstos nas liñas realizadas por tódalas empresas de servizos de transporte que operan en Mos.

 

Unha vez aclarados, entre alcaldesa e director xeral de Mobilidade, tódolos puntos sobre este tema na reunión do luns na sede da Xunta en Vigo, o Concello de Mos presentará oficialmente as súas alegacións ás modificacións propostas pola empresa Raúl nas liñas que pasan polo municipio mosense; alegacións que serán, á súa vez, aprobadas na Xunta de Goberno Local que se celebrará o vindeiro martes no Concello.

 

Dende o equipo de goberno local arguméntase a oposición municipal ás modificacións nos servizos de transporte interurbán ofrecidos polas empresas concesionarias en que debido a crise económica e ó aumento do prezo do combustible para os vehículos particulares ou turismos, cada vez son máis os usuarios que recurren ó transporte público para desprazarse; ademais de que o Concello de Mos é un municipio moi disperso con ausencia dun centro e históricamente moi castigado pola construcción de diversas infraestruturas coma autovía e autopista, motivos polos que os seus habitantes precisan tanto do transporte público e calquera cambio ou supresión nel lles perxudica significativamente.