Mos ultima os detalles das súas IX Xornadas Micolóxicas

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A presentación da presente edición celebrarase o 30 de outubro

 A concelleira de Medio Ambiente mosense, Julia Loureiro, reuniuse esta mañá no Concello coa experta do Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo, Purificación Lorenzo, e con Ramón Muíños en representación da Comunidade de Montes do Salgueirón-Mos, para ultimar os detalles relativos á celebración das IX Xornadas Micolóxicas e Forestais do Concello de Mos, que este ano se organizan conxuntamente entre a administración local e a anteriormente citada comunidade de montes.

 Tras dita xuntanza, a edil delegada do departamento municipal de Medio Ambiente fixo pública a programación para a presente edición das Xornadas Micolóxicas, que dará o seu pistoletazo de saída o martes 30 de outubro, coa xa tradicional cea-presentación para xornalistas no restaurante Esteban ás 21.00 horas.

 A seguinte actividade a realizar farase os días 3 e 4 de novembro no Pazo de Mos e consistirá nunha exposición de exemplares de cogomelos. Dita mostra poderá visitarse o sábado día 3 pola tarde e o domingo 4 durante todo o día.

 Ademais, tamén o sábado 3 de novembro, ás 20.00 horas, celebrarase no Pazo dos Marqueses de Mos un serán con degustación de cogomelos.

 A continuación, dende os días 5 ó 9 de de novembro realizaranse charlas de temática forestal e micolóxica. Os días 5 e 6 serán charlas forestais e os días 7, 8 e 9 serán charlas micolóxicas. Todas terán lugar no mesmo lugar, o Pazo de Mos, e á mesma hora, as 20.30.

 O título da charla do día 5 é “Plan técnico de xestión do monte de Mos”, do día 6 “Recurso cinexético do monte de Mos”, do día 7 “Iniciación a Micoloxía”, do día 8 “Cultivo de cogomelos familiar e a pequena escala” e do día 9 “Cociñando cogomelos”.

 O sábado 10 de novembro e o domingo 11, realizaranse as saídas ó campo para a recollida e identificación de cogomelos; ambos días o horario será de 10.30 horas a 13.00 horas. O día10 asaída realizarase polas Pedriñas, parroquia de Tameiga, e o día 11 polo monte comunal do Salgueirón, na parroquia de Mos. Os interesados en participar nestas saídas deberán inscribirse previamente chamado ó teléfono da concellería de Medio Ambiente, 986 33 14 02.

 Degustacións nos restaurantes de Mos

 As degustacións micolóxicas que edición tras edición destas xornadas ofrecen distintos restaurantes do municipio mosense realizaranse a partir do día 30 do outubro, e este ano os amantes da cociña micolóxica poderán visitar os seguintes locais de restauración: Esteban, Tapra, O Cabaliño, e a Adega da Tía Carmen.