Mos xa presentou todas as súas alegacións ás modificacións propostas polas empresas de transporte interurbán

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Nidia Arévalo e Isidoro Táboas reuníronse esta mañá xunto con outros alcaldes e concelleiros da área de Vigo, na delegación da Xunta nesta cidade, para tratar o tema co director xeral de Mobilidade

 

Durante a reunión mantida esta mañá, na delegación da Xunta de Galicia en Vigo, entre a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, e máis alcaldes e concelleiros doutros municipios da área da cidade olívica entre os que se atopaba o edil mosense Isidoro Táboas, expresouse a necesidade da entrada en vigor da Área Metropolitana como solución ós problemas e deficiencias existentes no servizo de transporte interurbán.

 

Nesta xuntanza Arévalo, en nome de tódolos alcaldes dos Concellos afectados, instou ó director xeral Miguel Rodríguez a abordar o antes posible este tema co conselleiro de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, para buscar unha solución a este problema e pola en marcha de xeito inminente. E evitar así, deste xeito, que a problemática se prolongue indefinidamente no tempo.

 

Segundo asegura Táboas, no encontro de hoxe en Vigo foi “unánime” o rechazo de tódolos representantes de administracións locais presentes, tanto alcaldes como concelleiros, das modificacións plantexadas polas empresas de transporte concesionarias do servizo interurbán; instando deste xeito ás mesmas a “buscar solucións en lugar de suprimir ou modificar servizos”.

 

Tal e como explicou o director xeral, as empresas concesionarias xustifican os cambios previstos nas súas liñas co aumento de gasto que a elas lles está a supor o incremento dos prezos dos combustibles. Sen embargo, Arévalo e Táboas, representantes municipais presentes nesta reunión, argumentaron a oposición do Concello de Mos ás modificacións nos servizos de transporte interurbán ofrecidos polas empresas concesionarias en que “debido á crise económica e ó aumento do prezo do combustible para os vehículos particulares ou turismos, cada vez son máis os usuarios que recurren ó transporte público para desprazarse; ademais de que o Concello de Mos é un municipio moi disperso con ausencia dun centro e históricamente moi castigado pola construcción de diversas infraestruturas coma autovía e autopista, motivos polos que os seus habitantes precisan tanto do transporte público e calquera cambio ou supresión nel lles perxudica significativamente”. Ademais alegan que coa crise económica e a suba do prezo do combustible están a aumentar en Mos os usuarios de autobús, o que significa un beneficio para as empresas e non unha perda, como elas pretenden dar a entender.

 

Ó longo de todo o termo municipal de Mos existen un total de 9 paradas de transporte público interurbán, partindo dende Sanguiñeda e ata chegar á parada de Puxeiros que é última antes de entrar no Concello de Vigo, polo que, tratándose de tantas paradas, coa alteración de idas e voltas en certas liñas vense perxudicados un gran número de veciños e veciñas da localidade mosense. Estas 9 paradas de autobús existentes en Mos atópanse repartidas entre as parroquias de Sanguiñeda, Petelos e Tameiga.

 

Pola súa parte o Concello de Mos xa presentou, en tempo e forma, as súas correspondentes alegacións ós cambios propostos polas empresas de transporte que operan no termo municipal mosense. Alegacións estas que xa se atopan en mans da Xunta de Galicia para ser estudiadas. Na Xunta de Goberno Local celebrada onte en Mos presentáronse e aprobáronse as alegacións á última proposta que afecta a este municipio presentada por unha das empresas de transporte concesionarias do servizo interurbán que operan na zona.