Mos xa ten constituída a súa nova Corporación Municipal

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Nidia Arévalo continúa na Alcaldía, tras dez anos de xestión local

Esta mañá celebrouse a sesión constitutiva do Pleno do Concello de Mos, que tivo lugar no Salón de Actos do Pazo de Mos co seguinte orde do día: formación da mesa de idade conformada polo concelleiro de maior idade, Gonzalo Alonso Táboas, e a de menor idade, Begoña Toucedo Rodríguez; toma de posesión dos Srs./as concelleiros/as electos e declaración de constitución da nova Corporación, elección de Nidia Mª Arévalo Gómez como nova alcaldesa de Mos e exame do arqueo e documentación xustificativa, e do inventario de bens do Concello.
Polo tanto, a nova Corporación Municipal mosense quedou formada polos seguintes integrantes: Nidia María Arévalo Gómez (PP), Camilo Augusto Martínez (PP), Sara María Cebreiro Alonso (PP), Alberto Méndez Lago (PP), Leopoldo Costas Alonso (PP), Julia Loureiro Campo (PP), Begoña Toucedo Rodríguez (PP), Gonzalo Alonso Táboas (PP), Baldomero Lorenzo García (PP), María Victoria Alonso Méndez (PSOE), Alejandro Figueroa Expósito (PSOE), Verónica Costas Campo (PSOE), José A. Mantilla Fernández (PSOE), María Mercedes Vila Pampillón (PSOE), Román González Garrido (GañaMos), Roberto C. Rodríguez Dasilva (GañaMos) e Gustavo Barcia Seijo (BNG).
No seu discurso a alcaldesa reelecta, Nidia Arévalo, que leva xa unha década de xestión á fronte da Alcaldía de Mos, agradeceu o labor de tódolos membros da anterior Corporación Municipal e do seu equipo de goberno, así como o apoio ós veciños e veciñas mosenses que depositaron a súa confianza nela o pasado 26 de maio.
Ademais deulles as gracias “a o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; e o vicepresidente, Alfonso Rueda. A ambos gracias por crer e confiar en min. Gracias por apostar por min sen dubidalo nin un segundo e gracias por ensinarme tanto. Gracias por ter en conta a Mos e á súa veciñanza, gracias por tratarnos como un Concello de primeira”, destacou a rexedora local mosense.
Por último, Arévalo adiantou os eixos da súa xestión prevista para os vindeiros catro anos, que estará baseada en “seguir apostando por mellorar Mos para facelo máis habitable cun plan de humanizacións, potenciar o lugar das mulleres na sociedade mosense. Loitar por defender o noso: a nosa cultura, a nosa tradición, a nosa industria, a nosa empresa, o noso monte, a nosa auga… e faremos o necesario para conseguilo. E traballar sin descanso para ter as mesmas ou máis oportunidades que os que viven noutros municipios, achegando aquí servizos que ata o de agora non tiñamos, como é o caso da Residencia de Maiores e Centro de Día no Rebullón. E seguiremos a defender o porvir de Mos, reclamando, como ata agora, apoio en todas as administracións”, concluiu a alcaldesa.