Mos xa ten o seu maillot oficial da saída de La Vuelta 2020

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Foi presentado esta mañá no salón de actos do Instituto mosense coa presencia de José González de Deportes González, membros da Mesa de La Vuelta e alumnado das clases de Educación Física como público

Esta mañá realizouse a presentación oficial do maillot institucional do Concello de Mos conmemorativo de La Vuelta Ciclista a España no IES de Mos. Asistiu como público o alumnado de varios cursos que nesa hora tiña clase de Educación Física, xunto cos seus mestres.

 

O acto celebrouse no salón de actos do Instituto, sito nas Pozas, parroquia de Petelos; coa presencia de Nidia Arévalo, Alcaldesa de Mos, Begoña Toucedo, concelleira de Deportes de Mos, Julia Loureiro, concelleira de Educación de Mos, Sara Cebreiro, concelleira de Cultura e Turismo de Mos, José González de Deportes González, empresa patrocinadora do maillot da saída de LA VUELTA Ciclista a España mosense, e membros da Mesa de La Vuelta.

 

O devandito maillot utilizarase durante o presente ano 2020 como agasallo institucional da administración local mosense e poderá ser mercado tamén por particulares interesados a partir de marzo en Deportes González (Avenida de Sanguiñeda).

 

O maillot ten un deseño de fondo branco con imaxes en braco e negro do Pazo de Mos (desde onde se producirá a saída da proba ciclista), da Casa Consistorial sita en Petelos e e da nova rotonda das Angustias coa fonte luminosa co lema SOMOSMOS e un pelotón de ciclistas ao seu redor superpostas, tanto na parte frontal como na traseira da prenda deportiva. Ademais atrás, na parte dos petos traseiros, loce o xadrezado en cores vermello e amarelo característico da heráldica mosense, tanto do escudo como da bandeira oficiais municipais. A rosa de Mos e o escudo ocupan tamén lugares protagonistas no maillot oficial da saída de LA VUELTA 20 desde Mos: a rosa engalana as mangas e o escudo aparece tanto no frontal na parte superior esquerda sobre o corazón como na traseira na parte superior central da espalda. Trátase dun deseño moi simbólico e corporativo, á par que orixinal e vistoso.

 

As representantes municipais Arévalo, Toucedo, Loureiro e Cebreiro declararon sentirse “tremendamente orgullosas tanto da saída de La Vuelta desde o Pazo de Mos como deste precioso e orixinal maillot que, estamos seguras, será todo un éxito entre o público tanto mosense como de fóra de Mos”. “Este maillot ven a demostrar unha vez máis que Mos é calidade e que somos un pobo que expresa a grande honra de ser mosense. SOMOSMOS, e neste maillot queda perfectamente patente que nos gusta e nos enorgullece selo. Nunha soa prenda reflíctense valores históricos, culturais, sociais e deportivos; por iso consideramos excelente o resultado e cremos que se trata dunha peza de calidade sobresaínte. Esperamos que todo o mundo estea tan ilusionado e emocionado con el como nós”, concluíron a rexedoral local e as concelleiras mosenses.