Mosslot participa nas 24 Horas Internacionais de Trofa

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A asociación mosense estará presente con dous equipos nesta competición internacional de citcuítos de coches de tracción eléctrica que se celebrará esta fin de semana en Oporto

 

A Asociación Deportiva e Xuvenil Mosslot participará a vindeira fin de semana nas 24 Horas Internacionais de Trofa, Oporto.

 

Dous serán os equipos que representen a Mosslot nunha das competicións máis importantes da Península Ibérica. O primeiro equipo está composto por cinco pilotos de experiencia contrastada neste tipo de eventos que se despraza a Trofa coa firme intención de ocupar unha das tres prazas de podio. Jorge Vilariño, Brais Lorenzo, David Monteiro, Samuel Graña e Carlos Hermida serán os pilotos integrantes do primeiro equipo.

 

O segundo equipo está formado por unha mestura de veteranía e xuventude, os seus obxectivos serán facer un bo papel sen renunciar a nada, e que os máis mozos collan experiencia para futuras edicións. Adolfo Queimaliños, Alberto Martínez, Álvaro Rodríguez, AnxoLorenzo e Gabriel Mariño participarán co segundo coche.

 

O mosense Gabriel Mariño, encadrado no segundo equipo Mosslot, será, con 13 anos, o piloto máis novo dos vinte equipos inscritos para a proba. Serán tres días de dura competición, comezando o venres 11 ás 13:00h cos primeiros adestramentos libres. Ás 21:00 horas realizarase a manga de cualificación que dá opción a elixir o carril de saída. O sábado 12, ás 09:00 horas comezarán os segundos adestramentos libres para realizar os últimos axustes nos coches, para a continuación ás 10:30 horas, e coa configuración de carreira nos coches, realizar o Warm Up. Ás 11:00 horas dará comezo a proba que finalizará o domingo.

 

Cada piloto realizará mangas de 83 minutos, e durante a noite apagaranse as luces do pavillón e os pilotos teranse que guiar polas luces do circuíto e as dos propios coches. As incidencias da proba poderanse seguir en www.ligaclubesslot.com.