Mozos mosenses aprenden linguaxe de signos como posible saída laboral

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O curso, do programa Actívate da Deputación de Pontevedra, iniciouse onte e rematará a mediados de novembro

 

A deputada provincial Marta Iglesias visitou o CDL, Centro de Desenvolvemento Local de Mos, para asistir, acompañada pola concelleira Kely Monzón, á presentación do curso Actívate de Linguaxe de Signos que comezou onte pola tarde e se prolongará ata o día 22 do vindeiro mes de novembro.

 

A concellería de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón organiza esta acción formativa a través do programa Actívate da Deputación de Pontevedra.

 

O número de persoas que están a levar a cabo o curso é de 15 alumnos/as. Os mozos e mozas  participantes teñen idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos, ambos incluídos. O horario do curso é de tarde, de 16.30 horas a 20.30 horas os martes, mércores e xoves. O número total de horas de clase impartidas ascenderá a 40.

 

Esta actividade formativa realízase en colaboración coa Deputación de Pontevedra, sendo esta a encargada de subvencionar o 100% do custo da actividade. O Concello de Mos cede as instalacións do Centro de Desenvolvemento Local para a realización da formación.

 

Os obxectivos deste curso son desenvolver actividades formativas e educativas, no ámbito do lecer e tempo libre, que sexan de interese xuvenil e respondan ás demandas da xente nova do Concello de Mos, ofertar a maior variedade formativa posible á mocidade, realizar cursos de formación dirixidos a mellorar as competencias profesionais dos xoves mosenses co obxectivo de posibilitar e incrementar as súas posibilidades de acceso ó mundo laboral; e no caso concreto do curso de Linguaxe de Signos: aprender a utilizar as convencións lingüísticas das persoas xordas tales coma saúdos, despedidas e presentacións para eliminar as barreiras de comunicación, coñecer e valorar os aspectos máis relevantes da idiosincrasia das persoas xordas e coñecer e valorar a situación actual do colectivo de persoas xordas en diferentes ámbitos.