Mulleres de Mos visitan o Parlamento de Galicia acompañadas pola alcaldesa e as tres concelleiras do equipo de goberno local

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Foron recibidas e acompañadas durante o percorrido pola presidenta do Parlamento, Pilar Rojo

 

30 mulleres mosenses participaron esta mañá na visita ó Parlamento de Galicia, organizada dende o departamento municipal de Benestar Social que dirixe a edil Sara Cebreiro. As mulleres de Mos estiveron acompañadas nesta actividade pola súa alcaldesa, Nidia Arévalo, e polas concelleiras Julia Loureiro e Kely Monzón, ademais da propia Cebreiro.

 

A visita, totalmente gratuíta para as participantes, realizouse en horario de mañá, partindo ás 09.00 horas dende o edificio de Urbanismo e regresando ás 14.00 horas.

 

Cebreiro explicou que “con esta saída preténdeuselles dar ás mulleres de Mos a oportunidade de coñecer unha das institucións máis emblemáticas e en parte descoñecidas da nosa comunidade autónoma, así coma de observar en persoa a súa mecánica de funcionamento e comprender o seu sistema de traballo”.

 

A edil declarou tamén que “dende a concellería de Benestar Social se nos plantexou esta oportunidade da viaxe ó Parlamento orientada a mulleres, que nos pareceu unha moi boa idea porque foron recibidas pola presidenta, Pilar Rojo, feito este que lles serviu para concienciarse do papel cada vez máis importante da muller en cargos profesionais de alta relevancia e deixar atrás as barreiras psicolóxicas que as poidan limitar nos proxectos vitais que se plantexen”.