Música ‘Por un novo fogar en Pereiras’ o 1 de decembro no Multiusos das Pozas

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

  • Hoxe presentouse o Festival Solidario en beneficio da familia que sufriu un grave incendio na súa vivenda o pasado 3 de novembro
  • As obras de rehabilitación xa comezaron e atópanse moi avanzadas

 

Esta mañá presentouse o Festival Solidario ‘Por un novo fogar en Pereiras’ na propia casa que está a ser rehabilitada. Durante a presentación do Festival estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, representantes de Cáritas da Igrexa Parroquial de San Miguel de Pereiras, veciñanza da parroquia de Pereiras e representantes de todas as entidades e asociacións que están a colaborar na rehabilitación da vivenda.

As entradas xa se atopan á venda e as butacas dispoñibles son un total de 350. O prezo das entradas é de 10 euros e 5 euros a Fila 0. Os puntos nos que se poden mercar son o Auditorio do Centro Dotacional de Torroso o Multiuso das Pozas e a Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras. Tamén se poden realizar outras doazóns no número de conta de Cáritas ES38 2080 5092 0330 4003 0287.

 

O Festival celebrarase o domingo 1 de decembro ás 18.00 horas da tarde no Multiusos das Pozas contando coas actuacións altruistas e desinteresadas da Banda de Música Xuvenil de Torroso, A Coral Polifónica Ventos do Val, o grupo de acordeóns Argonat Band e Os Chavellos de Pereiras. Alejandro Pérez será o mestre de cerimonias, participando tamén de xeito totalmente altruista.

 

Os representantes municipais quixeron agradecer a estas catro agrupacións musicais a súa colaboración para facer posible a celebración deste Festival Solidario e destacaron o agradecemento a todos os voluntarios, veciñanza, Asociación de Veciños, Comunidade de Montes e traballadores municipais, que están a traballar duro na rehabilitación da vivenda afectada por un grave incendio.

 

Na ronda de agradecementos fíxose tamén mención especial a tres empresas que colaboran activamente nesta causa que son XQuatro, Copistería CopiRey e Imprenta Juvia Tui.

 

O incendio produciuse na noite do domingo 3 de novembro, afectando á casa de Rosa e a súa familia cun feroz lume que a destruiu case por completo. Desde entón un gran movemento solidario púxose en marcha e veciños, voluntarios de Protección Civil e traballadores municipais volcáronse no desescombro, retirada de entullos, limpeza e posterior inicio da rehabilitación da edificación, que xa se atopa moi avanzada. Pola súa banda tamén o Concello de Mos, xunto coa Comunidade Montes de Pereiras, a A.V.V. Nosa Terra e Cáritas organizaron o dispositivo para a volta a normalidade desta familia canto antes. Dispositivo que inclúe diversas iniciativas entre as que se atopa este Festival Solidario.

 

Por último a rexedora local mosense fixo fincapé no “gran apoio de tantas persoas e desta parroquia de Pereiras que se volcou por completo coa familia e, unha vez máis, demostrou que é todo un exemplo e un símbolo de solidariedade”.