Nace HabitaMos, o Plan Municipal de Inclusión para unha convivencia máis dinámica, harmoniosa e inclusiva

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A iniciativa pretende dinamizar ás persoas, administracións, institucións e asociacións para xerar unha contorna comunitaria na que todos queiran vivir

Onte pola tarde celebrouse no auditorio do Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso a presentación do Plan de Inclusión do Concello de Mos, HabitaMos, na que estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Sara Cebreiro, concelleira de Política Social, Leví Olivares, director de EVD Galicia, José Ramilo, presidente de ASOMAMOS, Asociación de Maiores, Pensionistas e Xubilados de Mos, Manuel Figueroa, representante da Coral Polifónica Ventos do Val, Rodrigo Iglesias en representación da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos, Elvira Carrera, Orientadora Laboral de Mos, Francisco Vázquez Troitiño, voluntario no Centro de Saúde de Mos, representantes do Grupo de Teatro Mulleres en Igualdade de Mos e unha gran cantidade de público en xeral entre o que se atopaban directivas e membros de gran parte das asociacións integrantes do amplo tecido asociativo mosense.

HabitaMos é un proceso participativo promovido polo Concello de Mos no que se convida a todas e todos a propor e participar nun proxecto para crear unha comunidade habitable. A través deste plan quérese poñer en valor e conectar o capital social que ten Mos coas persoas e necesidades das parroquias, así como crear un proxecto que reforcé a relación de confianza e apoio que existe entre a poboación de Mos. Un proxecto no que todos participen e se involucren os colectivos sociais do Concello, se potencien as redes de apoio mutuo naturais existentes e se xenere unha comunidade inclusiva para as persoas que a conforman. Nas diferentes parroquias mosenses realizaranse actos, reunións e accións formativas nos que os interesados poden inscribirse chamando ao teléfono 986339404 e/ou escribindo ao enderezo de correo electrónico habitamos@concellomos.es. A primeira mesa de traballo do Plan de Inclusión HabitaMos celebrarase o vindeiro 28 de febreiro ás 19.00 horas no salón de actos da Axencia de Colocación de Mos e trátase dun acto aberto para todo aquel que queira participar.

“Co obxectivo de crear un plan local de inclusión, xorde a proposta ambiciosa e ilusionante de crear un plan que de dinamice ás persoas, a administración, recursos e institucións en favor de xerar unha contorna comunitaria onde todos queiramos vivir. O reto será promocionar o plan de maneira que ninguén queira quedar fóra. Non é un plan para os que necesitan ser incluídos, senón un plan para crear unha comunidade onde esteamos todos”, explicaron Arévalo, Cebreiro e Olivares.

Rexedora local e edil de Política Social detallaron a este respecto que “inicialmente preténdese aglutinar as accións existentes en materia de servizos sociais, detectar necesidades e potenciar proxectos que fan de Mos unha contorna habitable para todos. Realidades que xa existen que demostran que hai materia prima en Mos, que existe un capital social que nace das persoas e das súas iniciativas, constrúese comunidade, facilítanse apoios e constrúese un Mos habitable. Dese capital social, desas iniciativas, desa comunidade activa que se apoia como se facía na época dos nosos avós e que a día de hoxe, segue latente en Mos, o Concello quere promover, apoiar iniciativas e proxectos que apoien ás persoas na posibilidade de ter unha vida activa e inclusiva na comunidade. Na nosa contorna máis próxima, é onde as persoas necesitan sentirse integrados, é onde as persoas queren gozar e desenvolver as súas vidas. O Concello de Mos quere achegarse a esas realidades, apoialas e promocionalas”.

Outras claves protagonistas deste proceso serán a comunicación, a participación, os proxectos, os indicadores e a inclusión.

A comunicación buscará achegarse á comunidade, dar a coñecer, promover, contar, dar feedback. A participación comunitaria realizarase de maneira informal. Dos proxectos nacerán as iniciativas máis próximas ás necesidades reais, con criterios e claves inclusivas. Os indicadores enfocaranse á acción e evidenciarán o que se vai conseguindo, como factor movilizador, activador de novas propostas e retroalimentador de motivacións. Por último a inclusión será o aspecto clave do que todo o plan que debe empapar todas as accións, que terán que ter este matiz de maneira medible e evidente.

As accións estarán distribuídas en tres niveis: individual, comunitario e organizativo. No proceso de desenvolvemento do plan estarán involucradas as persoas veciñas, os axentes locais, organización, axentes públicos, actores privados, etc.

Os contextos de exclusión sobre os que se terá especial atención son: exclusión social, muller, desemprego, dependencia, soidade, muller coidadora, alcoholismo, persoas vulnerables que non se coñecen, discapacidade, comunicación accesible, transporte, oportunidades de inclusión, laborais, lecer.

As primeiras propostas de acción que se levarán a cabo tras a presentación de onte son o decálogo do Plan de Inclusión, posicionamento do Concello e axentes sociais, dinamizar o proceso participativo con asociacións e parroquias, creación dunha mesa sectorial activa con axentes sociais, e da figura de dinamizador comunitario; e o fomento dos primeiros proxectos que serán: accesibilidade cognitiva, apoio á conciliación e empoderamento da muller, programa de apoio a familias e mulleres con persoas dependentes, plan de formación, amigos dos maiores, voluntariado, mobilidade, sistemas de participación efectiva e mapeo do capital social mosense.