Nidia Arévalo e outros alcaldes de Xeodestinos galegos reúnense por videoconferencia coa Directora da Axencia Turismo de Galicia

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O encontro con Nava Castro aportoulles aos rexedores locais medidas sobre como afrontar o sector turístico durante a crise do COVID-19 e informounos das accións xa levadas a cabo pola administración autonómica durante as últimas semanas

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto con outros alcaldes e alcaldesas galegos/as de municipios integrantes de Xeodestinos Turísticos, participou esta mañá coa Directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, nunha reunión por videoconferencia sobre como afrontar o sector turístico nestes concellos durante a presente crise do COVID-19.

A Directora da Axencia deulles conta aos alcaldes e alcaldesas das principais actuacións realizadas desde a administración autonómica, que última un plan de reactivación para o sector cultural e turístico cun investimento de 25 millóns de euros. Entre as medidas xa iniciadas, está a elaboración dun plan de seguridade sanitaria para reforzar a confianza de usuarios e traballadores, o deseño dunha campaña de promoción, a aposta pola teleformación dos profesionais do turismo ou a coordinación da rede de establecementos de garda.

Tal e como explicou Nava Castro, froito do constante diálogo cos sectores afectados, a Xunta presentará en breve un Plan de reactivación cun orzamento de 25 millóns de euros. No marco das liñas de actuación recollidas nesta folla de ruta, a directora de Turismo de Galicia informou aos rexedores locais da elaboración dun plan de seguridade sanitaria no eido turístico con medidas adaptadas ás diferentes actividades. Do mesmo xeito, a Xunta colaborará coa Fegamp ofrecendo ferramentas para facilitar a reprogramación de eventos culturais adiados e avanzando na elaboración de plans de seguridade específicos para os concellos turísticos da Comunidade e para aqueles polos que transcorre o Camiño de Santiago

No que respecta á promoción, Nava Castro subliñou que a Xunta prepara a creación dunha campaña para promover Galicia como destino unha vez remate o estado de alarma. Do mesmo xeito, tamén e está reforzando a promoción en redes sociais con medidas como a a activación do microsite ‘Galicia, na túa casa’ (www.turismo.gal/Galicianaturacasa) con percorridos virtuais e tours 360º por máis de 70 igrexas e mosteiros, as 5 catedrais galegas, os museos, etc.

Tamén se apostou por reforzar a teleformación gratuíta para profesionais do sector a través de máis dunha decena de cursos con capacidade para máis de 2.000 persoas. O obxectivo desta medida é mellorar as competencias de xestión dixital, comunicación e márketing con prioridade para: propietarios de pequenas e medianas empresas, traballadores de establecementos de restauración, aloxamentos e outros profesionais do sector. Precisamente, esta mesma semana púxose en marcha unha liña de formación específica para o segmento dos guías de turismo, dando resposta unha demanda do sector.

No eido económico, explicou que as empresas do sector poden acceder ás liñas de financiamento postas en marcha pola Xunta, como a de préstamos que mobilizará 250 millóns de euros para cubrir gastos esenciais como facturas, salarios ou alugueres. Tamén se adoptaron medidas de suspensión de prazos para a presentación de certos impostos e aprazamento das cotas de amortización e xuros dos préstamos formalizados coa Xunta.

Precisamente, o Goberno galego ten activadas varias canles para que os autónomos e pemes poidan estar informados e resolver todas as dúbidas que teñan con respecto ás distintas medidas económicas postas en marcha como o teléfono gratuíto da Liña Empresas (900 815 600), a web https://ceei.xunta.gal/coronavirus, ou a aplicación para móbiles Gohu.

Respecto dos establecementos de garda poden ser consultada a listaxe dos mesmos en www.turismo.gal/covid19  e pódense incorporar novos establecementos no mail comunicacion.turismo@xunta.gal, onde tamén se recollerán altas e baixas dos establecementos.