Nidia Arévalo visita as obras do paseo do Louro, que marchan a bo ritmo

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

En setembro quedarán rematadas as escolleras das marxes do río

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada do concelleiro mosense de Vías e Obras, Alberto Méndez, o edil da parroquia de Mos, Camilo Augusto, o encargado de obra e veciños da zona; visitou esta mañá as obras de recuperación que están a ser acometidas no paseo do Louro.

Os traballos, que “marchan a moi bo ritmo” segundo declararon os representantes municipais, iniciáronse o pasado mes de xullo con labores na propia senda consistentes no desbroce e caixeo da traza para limpar o sendeiro e deixalo preparado para poder instalar o firme do mesmo. Tamén se procedeu á retirada de troncos secos do cauce do río.

As obras no propio cauce do río Louro comezaron o día 1 de agosto, xa que antes non se puido por ser tempada de pesca. Actualmente os traballos que se están a realizar son a acometida das escolleras (que se prevé queden rematadas durante o presente mes de setembro), o saneo do trazado do paseo, e a instalación de drenaxes na senda para que as augas non traballen por debaixo da mesma perxudicando ó paseo e dos tubos que servirán para evacuar ditas augas.

O convenio entre Concello de Mos, Deputación e Confederación Hidrográfica para a recuperación do paseo do Louro asinárase o pasado 19 de novembro de 2013. O convenio para a mellora da marxe do Louro, destinado ó mantemento e conservación da mesma, financia as obras de acondicionamento cunha cantidade exacta de 860.415,43 euros. O proxecto de recuperación está financiado nun 80% pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil a través dos Fondos Europeos Feder, e no 20% restante pola Deputación de Pontevedra; supoñendo esta obra un custe cero para o Concello de Mos. O prazo de execución dos traballos en curso é dun ano.

O deterioro da sendeiro ecolóxico do Louro ó seu paso por Mos veu motivado polas crecidas do río e as inclemencias meteorolóxicas que arrastraron a pavimentación e deixaron impracticable o paseo fluvial, e provocaron o derrumbe e socavación das orillas en diversos tramos do río. Neste sentido o obxectivo que se persegue con esta obra na senda do río Louro, segundo declara a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, é “unha solución definitiva para este paseo, que o manteña en bo estado a longo prazo e non requira de reparacións constantes por mor dos desperfectos ocasionados cada vez que se producen condicións meteorolóxicas adversas”. O obxectivo desta obra é mellorar o entorno do río Louro dende unha perspectiva medioambiental e rehabilitar a senda tan empregada polos veciños e veciñas de Mos. Trátase dunha obra pensada para as persoas.

Para elo o proxecto de recuperación contempla, entre outras moitas melloras, a instalación dunha superficie sólida no firme do sendeiro que sexa resistente ante as posibles crecidas do río e as inclemencias do tempo. A superficie total de actuación será de 2 kilómetros 700 metros, con anchuras ó longo de todo o paseo que oscilan entre os 2,30 e os 2,50 metros.

Detalles da obra

Trátase dunha obra de recuperación ambiental e social do entorno do río Louro ó seu paso por Mos. A fase de recuperación ambiental inclúe a estabilización das marxes, a recuperación do dominio público e a prantación de especies vexetais e arbóreas autóctonas.

Para aportar á zona unha solución duradeira combínanse a acometida de escolleras nos lugares con máis velocidade de caudal e a bioenxeñería para os lugares con velocidade de caudal máis moderada. O pavimento da senda peonil será un composto de árido e vidro reciclable cun aspecto parecido ó do xabre.

No documento elaborado para superar a fase de evaluación ambiental indícase que se establecerá un perímetro de protección e barreiras para evitar o arrastre de sólidos ata as augas durante a execución dos movementos de terras e aperturas de sendas. Segundo se indica tamén neste documento ambiental, a recuperación da senda fluvial existente coa aplicación dun novo pavimento tipo aripaq terrizo, xerará un efecto positivo no ecosistema, evitándose o emprego de zahorra e xabre. No proxecto tamén se contempla a realización de analíticas de augas, uhna análise augas arriba e outra augas abaixo durante o desenrolo das obras de hormigonado. Tamén se realizará unha sembra para reter o solo tras os movementos de terras e se adoitarán actuacións de protección a base de técnicas de bioenxeñería para a estabilización estructural do ecosistema fluvial en aqueles ámbitos onde a velocidade das augas sexa inferior.

Ademais, tal e coma solicita a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, elimínanse os brotes de Arundo donax e Phyllostachys sp., e, por outra parte, as plantacións a realizar no proxecto serán de carácter autóctono.

Evítanse ademais cambios artificiais do relevo que dificulten a movilidade dos vertebrados terrestres, así como o levantamento de barreiras que eviten o paso da fauna silvestre cara ó río. Asimesmo mantéñense as manchas de vexeteción existentes, co obxecto de conservar os refuxios da fauna e corredores ecolóxicos.

Con esta actuación nas marxes do Louro a paisaxe e a calidade de vida da poboación mellorarán gracias á recuperación ecolóxica e social mediante actuacións blandas en consonancia co contorno no que se enmarcan, conservando os valores ambientais asociados ó cauce e asegurando a súa integración.

O proxecto conta tamén cun programa de vixiancia ambiental que asegure a correcta execución das medidas preventivas e correctoras propostas, así coma o control da súa evolución e a aplicación de medidas adicionais.

En resumo, co proxecto de actuación no paseo do Louro, preténdese a recuperación da senda fluvial existente, xunto coa defensa, protección e consolidación de marxes, e así evitar as erosións ocasionadas pola crecida do río. Ademais procédese á limpeza do cauce e á realización dunha ordenación ecolóxica da zona. O promotor desta obra con orzamento de preto dun millón de euros é a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, organismo pertencente ó Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

No proxecto de rehabilitación do paseo do Louro atópanse incluídas tamén as suxerencias aportadas dende o Concello, algunhas delas froito das demandas dos propios veciños da zona. Entre ditas suxerencias atópanse a recuperación dunha antiga ponte, a creación dunha pasarela na parte final do paseo, preto da estrada Nacional 550; e o traslado do parque biosaudable da Pateira a unha zona menos inundable.