Ningún neno de Mos quedará sen agasallo de Reis gracias á colaboración entre a concellería de Benestar Social e AEMOS

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os Magos de Oriente recibirán mañán pola mañá no Concello ós 63 cativos mosenses das familias menos favorecidas do municipio

 

O concelleiro de Formación e Emprego mosense e tenente alcalde, Óscar Soto, e a concelleira de Benestar Social, Sara Cebreiro, recolleron esta mañá os agasallos que os Reis Magos entregarán mañán pola mañá no Concello ós nenos e nenas cuias familias estean incluídas nalgún programa da concellería de Benestar Social (programa de Educación Familiar, ou preceptores de Risga, axudas de Emerxencia Social e outros).

 

Soto e Cebreiro recolleron os presentes, doados por AEMOS, da man do presidente da Asociación, José Mañas, na sede da mesma que se atopa ubicada no Centro de Desenvolvemento Local mosense (CDL). Mañas entregoulles un total de 63 paquetes, un para cada neno da lista dos que serán recibidos mañán pola mañá no Concello.

 

Nos paquetes doados inclúense xoguetes e outros detalles sempre con contido e finalidade didácticos, educativos, non sexistas, e cos que se incentiva o xogo en familia, que mañán serán repartidos entre un total de 63 nenos e nenas de entre 0 e 13 anos de idade, pertencentes a familias do Concello de Mos que durante o pasado ano 2012 estiveron inscritas en programas de Benestar Social.

 

Esta campaña solidaria cumple este ano a súa duodécima edición e dende o seu nacemento foi posible gracias á doazón dos agasallos por parte de AEMOS e as súas empresas integrantes. E é que AEMOS colabora con esta campaña dende que a hoxe alcaldesa,NidiaArévalo, exercía coma concelleira de Servizos Sociais do goberno local mosense, alá por principios dos anos 2.000.

 

Este compromiso cos meniños menos favorecidos do municipio é tamén un compromiso con valores como a igualdade, a tolerancia, e a interacción familiar; de ahí que cada Nadal AEMOS prepare paquetes con xogos didácticos, de mesa, libros, etc. para agasallar ós nenos e nenas usuarios dos Servicios Sociais de Mos.

 

A entrega de agasallos será realizada mañá pola mañá ás 11.00 horas na sala de xuntas do Concello polas Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente.

 

Sobre este tema a concelleira de Benestar Social declarou que “un xesto tan sinxelo coma estes agasallos constitúe un aliciente para os nenos e as súas familias, e ademais facilita o labor solidario de que ningún neno de Mos se quede sen o seu agasallo este Nadal”. Sara Cebreiro agradeceu por último a colaboración de AEMOS “que dende fai 12 anos veñen colaborando desinteresadamente nesta iniciativa”, dixo a edil, quen agradeceu dobremente a aportación, sobre todo “nestes tempos de crise”.