No ecuador da lexislatura o goberno mosense endereza as contas municipais

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O resultado presupostario positivo do 2012 ascende a preto dun millón de euros, fronte ó máis dun millón en negativo do 2011; o remanente de tesourería do 2012 foi de 200.000 euros en positivo e o do 2011 de cinco millóns de euros en negativo

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informaba hoxe satisfeita dos resultados positivos da liquidación do orzamento do pasado ano 2012.

 

A rexedora local explicaba que nun ano logrouse pasar dunha liquidación negativa, tal como se produciu no orzamento de2011, aunha liquidación positiva no de 2012. Este xiro de 180 graos nas contas da administración local mosense foi posible gracias ó Plan de Axuste elaborado para poder levar a cabo o Plan de Pago a Proveedores municipais cos que existía unha débeda contraída –baseado fundamentalmente en políticas de austeridade e contención de gasto superfluo-, e á actualización dos impostos e taxas, cuio importe non sufrira suba algunha no Concello de Mos dende fai aproximadamente 20 anos.

 

Cómpre aludir os datos concretos das liquidacións orzamentarias dos anos 2011 e 2012, dado o carácter gráfico e clarificador das súas cifras. Comenzando polos datos negativos de 2011, dicir que o resultado presupostario foi de -1.049.554,91 euros, e o remanente de tesourería de -5.209.138,12 euros. Datos que contrastan cos da liquidación positiva do pasado 2012, consistentes nun resultado presupostario de 995.723,08 euros e nun remanente de tesourería de 203.354,74 euros.

 

Respecto das porcentaxes de execución, o crecemento no último ano foi tamén notable: no capítulo 1 de ingresos, correspondente a tódolos impostos directos agás o ICIO, o Concello de Mos pasou do 95,62% no 2011 ó 118,90% no 2012; no caso da recadación de taxas pasouse do 84,18% no 2011 ó 104,49% no 2012, e en transferencias correntes pasouse do 90,44% ó 110,91%.

 

Datos todos estes cando menos alentadores para administración local mosense que recupera a súa estabilidade orzamentaria e se coloca nunha situación certamente positiva a nivel económico.  Neste sentido Arévalo asocia esta incribe melloría económica do Concello ó plan de austeridade e racionalización de gasto posto en marcha e á actualización de impostos, xunto coa reducción dos déficits, que eran necesarios tamén debido a que as arcas municipais levaban 20 anos obsoletas no apartado de ingresos, aínda que non no de gastos. Deste xeito, a alcaldesa argumentou que “poñendo como exemplo o servizo de recollida de lixo, a realización de dita recollida custáballe ó Concello catro veces máis do que se recaudaba en impostos ós cidadáns por ela; por iso era necesaria a actualización de impostos posta en marcha”, é por elo que Nidia Arévalo asegura que “un Concello non lle pode cobrar ós seus veciños por riba do que realmente custa un servizo, pero sí está no seu exercicio de responsabilidade o deber de cobrar o que corresponde para manter saneadas as contas municipais e saudables as arcas do Concello que, en definitiva, son de todos os veciños e veciñas de Mos”.

 

Ademais, a rexedora local adiantou que dende o Concello se está a realizar un estudio mediante o que se revisa que tódalas empresas instaladas no termo municipal mosense estean ó día no pago dos seus impostos e que se atopen nunha situación urbanística e medioambiental legalizada, esixíndolles a optimización da súa situación no caso contrario. A iniciativa de por en marcha este estudio produciuse ó detectar algún caso de empresas que non tiñan a súa situación en regra.