Noelia Sías regresa ao concurso nacional do Mellor Artesán Florista con moitas opcións de lograr o pimeiro posto

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O Concello de Mos trasládalle todo o apoio, a forza e o ánimo para que así sexa

 

A florista mosense Noelia Sías volve presentarse ao concurso do ‘MAF’ (Mellor Artesán Florista) que se celebrará en Burgos do 29 de setembro ao 2 de outubro.

 

Sías síntese con moitas posibilidades de gañar este ano, tras ter quedado subcampioa en 2019 (no ano 2020 non se celebrou por mor da pandemia da COVID-19).

 

Así que, tras o parón do ano pasado, este ano a mosense Noelia Sías volve participar no ‘MAF’ e desde o Concello de Mos, en nome de todo o municipio, a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, trasládalle todo o apoio da administración e da veciñanza para afrontar coa maior das forzas e o ánimo esta importante competición de índole nacional.

 

Deste xeito, tras facerse co título de segunda mellor florista de España, Noelia Sías loitará en cuestión de días polo primeiro posto.

 

Noelia Sías é veciña da parroquia de Mos e traballa en Floristería Lola. A florista mosense destaca da súa empresa “as facilidades e colaboración que sempre me dan para que poida formarme, facer cursos novos, participar en competicións como esta… é algo moi de agradecer e que non é frecuente en todas as empresas”. Floristería Lola leva máis de 37 anos en activo en Mos e, tal e como declaraba a rexedora local mosense, “é un referente en toda a provincia de Pontevedra, do que nos sentimos enormemente orgullosos”.

 

Xunto coa mosense Noelia Sías Villaverde, competiron na V Edición do Concurso ‘MAF’ 2019 máis de 20 profesionais do sector de toda España, dos que tan só chegaron á final un total de 5 clasificados.

 

O concurso durou 4 días e Noelia, que tivo que preparar 10 traballos, foi a única representante galega na final.

 

Arévalo declarou a este respecto que “é un orgullo para Mos, sendo ademais o Concello da rosa, contar entre a nosa veciñanza coa segunda mellor artesá florista de España que esperamos que en breve se convirta na primeira”. A alcaldesa felicitouna por presentarse novamente a esta importante competición e animouna a seguir levando o nome da localidade mosense ao máis alto do mundo da flor.

 

Sías, que é veciña da parroquia de Mos, leva 22 anos vinculada ao mundo da floristería. Actualmente, e dende fai case 15 anos, traballa en Floristería Lola, tamén de Mos, e formouse nalgunhas das mellores escolas nacionais do sector florista.

 

Entre os seus mestres figuran nomes tan destacados a nivel nacional como os de Juan Chamorro, Roberto Silbosa, Daniel Santamaría ou María Jesús Miranda e tamén algúns referentes internacionais como Gregor Lersch, Per Benjamin ou Vadim Kazansky.

 

A quinta edición do concurso nacional de arte floral no que Noelia Sías obtivo a medalla de prata en 2019 celebrouse na cidade de León. O gañador foi o canario Antonio Jesús Vázquez, de Lanzarote.

 

O xurado deste concurso avalía en cada unha das probas aspectos como a técnica, a limpeza, a rapidez, a cor, o estilo actual, a dificultade de elaboración, a actitude dos floristas ou o compañeirismo. Dúas das probas son en grupo e os participantes teñen un tempo máximo especificado para completar cada unha delas.

 

Na última xornada do concurso, os cinco finalistas tiveron que reproducir, de memoria, un traballo floral que viran previamente representado nun cadro e unha das actuacións mellor valoradas polo xurado foi a de Noelia.