Nosa Terra de Pereiras viaxa á Bretaña Francesa para participar nun festival celta

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Trátase da Festa de Saint-Loup, na cidade de Guingamp, que se celebrará do 12 ó 20 de agosto

 

O Grupo Folclórico Nosa Terra de Pereiras foi invitado á Festa de Saint-Loup, unha das máis antigas da Bretaña Francesa, durante a que se celebra un festival no que se dan cita grupos de tódalas nacionalidades nas que históricamente se asentou a cultura celta: franceses, irlandeses, escoceses, asturiáns, galegos, etc.

 

O Grupo Nosa Terra asistirá a este evento cultural internacional que terá lugar do 12 ó 20 de agosto na cidade de Guingamp, representando ó folclore galego e mosense.

 

O Grupo Folclórico Nosa Terra de Pereiras foi fundado no ano 1981 e na actualidade a súa escola conta con máis de 70 compoñentes con idades comprendidas entre os 4 e os 50 anos. A escola está formada polas catro seccións de: zanfonas, gaitas, baile infantil e baile maior.

 

Non é a primeira vez que o grupo viaxa ó estranxeiro para facer intercambios culturais, senón que os seus integrantes xa estiveron en Croacia, Italia, Bélxica, Eslovenia e Alemaña.

 

No ano 2011 a agrupación Nosa Terra de Pereiras cumpriu o seu 30 aniversario e recibiu a Medalla ó Mérito Cultural do Concello de Mos polas décadas de servizo ó baile e a música tradicionais da cultura galega e mosense.