O 70% da mellora do acceso á Igrexa de Cela xa está acometido

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

As obras atópanse moi avanzadas tal e como puideron comprobar a alcaldesa e o concelleiro de Vías e Obras nunha visita matinal

 

A alcaldesa de Mos xunto co edil de Vías e Obras, Alberto Méndez, e o tamén concelleiro mosense, Cándido Pérez, visitou as obras de acondicionamento do acceso este á Igrexa de San Pedro de Cela.

 

Ditos traballos, iniciados durante o pasado mes de febreiro, foron supervisados polos representantes municipais que quixeron comprobar in situ os óptimos resutados acadados. Neste sentido o concelleiro de Vías e Obras, Alberto Méndez, declarou que “dende o Concello aledámonos ó ser testemuñas do moi avanzadas que se atopan as obras, que contan aproximadamente cun 70% dos traballos xa totalmente rematados, co que calculamos que de cara a principios do vindeiro verán o acondicionamento do acceso á igrexa estará finalizado”.

 

Estas obras estanse a acometer gracias a unha subvención concedida ó Concello de Mos pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Ademais este proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, Feader.

 

O acondicionamento do acceso este á Igrexa de San Pedro de Cela ten un orzamento de 76.000 euros e consiste en habilitar un itinerario peonil no contorno do cemiterio e de dita igrexa. Con elo preténdese restituír a senda-camiño utilizada dende moi antigo e que a día de hoxe atopábase en desuso, pero conservando aínda restos en pedra da antiga escaleira que formaba parte do itinerario.

 

Este proxecto de acondicionamento do acceso este á Igrexa da Parroquia de Cela conta cunha superficie total de actuación de aproximadamente 300 metros cadrados e supón a continuidade da primeira fase das escaleiras de acceso á Igrexa que fai poucos anos acometera a Deputación de Pontevedra. Agora, con este novo proxecto, levarase a cabo a segunda fase quedando totalmente rematada a mellora do acceso a este lugar de Cela.

 

Gracias a esta mellora, o parque que se atopa entre a igrexa e o edificio da Asociación Celado tamén se verá beneficiado, xa que agora dende a parte baixa do mesmo únicamente se pode acceder mediante unhas escaleiras de madeira; sen embargo, tras a actuación, o parque disporá doutro acceso á súa parte baixa moito máis cómodo e seguro.

 

Unha vez rematada a obra, o contorno será dotado do mobiliario urbán preciso entre o que se atoparán papeleiras, varandas, iluminación, etc; así coma do axardinamento pertinente a base de sebes vexetais.