O Camiño de Santiago, protagonista da imaxe gañadora do Concurso Fotográfico SOMOSMOS

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Patricia Loureiro recibe o primero premio pola obra titulada ‘O Bo Camiño’

Esta tarde celebrouse no Pazo de Mos a entrega de premios do Concurso Fotográfico SOMOSMOS ‘O meu lugar favorito de Mos’ na que estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Julia Loureiro, concelleira de Participación Cidadá e outros membros da Corporación Municipal mosense.
O primeiro premio dotado de 300 euros foi para Patricia Loureiro Blanco pola fotografía titulada ‘O Bo Camiño’, o segundo premio dotado de 200 euros foi para Carlos Alonso López pola fotografía titulada ‘As Leiteiras’ e o terceiro premio, dotado de 100 euros, foi para Vanessa Gómez Gándara pola fotografía titulada ‘Caída e nacemento’.
En total presentáronse ao concurso cumprindo as condicións técnicas requeridas nas bases un total de 27 persoas e 68 fotos.
Podía participar neste concurso calquera persoa de 18 anos de idade en diante, que podía presentar ata 3 fotografías en cor de calquera zona do Concello de Mos que considerara especial. As fotos debían ir acompañadas de nome e apelidos do autor, título da fotografía e lugar onde foi tomada.
O prazo de presentación das obras foi dende o venres 8 de febreiro ata o 8 de marzo. As características técnicas de presentación de cada unha das fotos eran: medidas 20cm x 30cm formato horizontal, resolución 300 ppp., peso máximo por foto de 5MB.
O proceso selectivo das persoas gañadoras incluiu varias fases. En primeiro lugar, todas as fotografías que cumprían os criterios de envío sinalados nas bases, un total de 68, fóronse subindo ao Facebook do Concello de Mos a medida que ían sendo recibidas, sendo o último día de publicación a data de remate do prazo de presentación, o 8 de marzo, ás 14.00 horas.
A votación das persoas que resultaron finalistas, extraeuse dos “me gusta” obtidos polas fotos na páxina de Facebook do Concello. Deste xeito as 10 obras finalistas foron:
– Vanessa Gómez Gándara:
Foto 3: Froitos 252 me gusta
Foto 2: A frondosidade do monte 226 me gusta
Foto 1: Caída e nacemento 219 me gusta
– Patricia Loureiro Blanco:
Foto 1: O bo camiño 239 me gusta
– Mercedes Díaz Pardo:
Foto 2: Hermanados 254 me gusta
– Laura Alonso Rodríguez
Foto 2: A foliada silenciosa da alborada do tempo pasado 217 me gusta
– Cosme Otero Amoedo:
Foto 2: Diversión 221 me gusta
– Gustavo Lago Areal:
Foto 1: Solpor 231 me gusta
– Carlos Alonso López:
Foto 2: Carballo cara ó ceo 217 me gusta
Foto 1: As leiteiras 238 me gusta
Estas 10 fotografías foron a continuación avaliadas por un xurado de profesionais da fotografía integrado polo fotógrafo xornalístico Jorge Landín e polos dous fotógrafos de estudio mosenses, María Santorio e Luis Calleiras, que puntuaron as 10 obras para poder extraer as 3 gañadoras. Os “me gusta” contabilizáronse ata as 10.00 horas da mañá do luns 11 de marzo.
Todas as fotografías participantes exhíbense estes días nunha exposición no Pazo de Mos que foi inaugurada esta tarde con motivo da entrega de premios. E serán utilizadas como elementos promocionais do Concello de Mos e da campaña baixo o lema identitario local ‘SOMOSMOS’ en diferentes soportes: turístico, publicitario, para prensa… etc.