O Castro British School acolle o II Encontro de Debate Escolar

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Tras o éxito da súa primeira edición, o torneo celebrarase en dúas xornadas e fomentará a capacidade dialéctica dos nenos, as súas habilidades de oratoria e a súa argumentación.
Organizado pola asociación Club de Oratoria e Debate (CODE), de recente creación, conta co respaldo O Castro British School, o Concello de Mos e WEDU.
Mos, 26 de abril de 2019.- Esta tarde presentouse na Axencia de Colocación de Mos a segunda edición do Encontro de Debate Escolar que contou coa presenza de Silvia Lobato Muriente, Presidenta de CODE, Alejandra Vidal Casqueiro, Socia Directora de WEDU Sociedade e Educación, Mr. NATHAN PARRY, Head Teacher de O Castro British School, Nidia María Arévalo Gómez, alcaldesa de Mos, Óscar Soto Abadín, concelleiro de Promoción Económica, Emprego e Novas Tecnoloxías e Candela Janeiro Catoira (Presidenta da Asociación Retórica).
O II Encontro de Debate Escolar vén cargado de novidades que, sen dúbida, farannos gozar aínda máis desta fantástica exhibición. A principal novidade é que se desenvolverá baixo o formato de British Parliament (BP), unha das modalidades de competición de debate máis empregadas a nivel mundial. A particularidade deste modelo é que os temas para debater non se anuncian con anterioridade, senón que se coñecen no mesmo momento en que se desenvolve a competición, deixando aos participantes 15 minutos para preparar a postura que lles toca defender. Esta postura (a favor ou en contra) tamén se sorteará o mesmo día do Encontro.
É por iso que, nesta modalidade, ademais de axudar aos nosos novos estudantes a converterse en cidadáns con espírito crítico, capacidade analítica e comunicativa, tamén favorece a súa capacidade de improvisación, salientando a argumentación e o razoamento fronte ao traballo de documentación propio da modalidade de debate académico.
Outra das novidades desta segunda edición do Encontro é que todas as mocións (así se denomina aos temas de debate na modalidade BP) versarán sobre unha película, INVICTUS, gran obra cinematográfica dirixida por Clint Eastwood e protagonizada por Morgan Freeman e Matt Damond. Nela nárrase a historia de como Nelson Mandela, recentemente nomeado presidente, tenta unir aos seus compatriotas despois da caída do Apartheid en Sudáfrica organizando o Campionato Mundial de Rugby. Así que vos recomendamos unha sesión de cinema e flocos de millo antes de asistir ao Encontro.
Dúas xornadas
O torneo desenvolverase en dúas xornadas, o sábado 4 e 11 de maio, e nel participarán 32 equipos, compostos por dous membros cada un, que representarán a diferentes centros educativos e asociacións de Vigo e a súa contorna: O Castro British School, Colexio Estudo, Escola Rosalía de Castro, Carmelitas, Aldeas Infantís, Inventiva Asociación e WEDU Sociedade&Educación.
Este ano asume a organización do Encontro a asociación Club de Oratoria e Debate (CODE), de recente creación, e está patrocinado por O Castro British School, o Concello de Mos e WEDU.
O director do colexio, Mr. Nathan Parry, agradeceu un ano máis deixar que O Castro British School sexa parte dun evento tan singular como enriquecedor para os mozos da comarca, “unha fantástica iniciativa que aglutina valores e preceptos incluídos no noso proxecto educativo e que dota aos nenos dunha ferramenta básica no século XXI, a capacidade de comunicación”, sinalou Mr. Parry.
Concurso de Oratoria: Un novo espazo para os máis pequenos
Pero aínda hai máis novidades xa que co obxectivo de achegar a oratoria e o debate aos máis pequenos, nesta segunda edición inclúese tamén un Concurso de Oratoria dirixido a nenos de 3º a 6º de primaria matriculados naqueles colexios ou institucións que participen no II Encontro de Debate Escolar, así como de centros escolares públicos, privados e concertados do Concello de Mos e área metropolitana de Vigo.
Todos os participantes no concurso gravarán en vídeo un discurso de 2 minutos de duración sobre o tema “A maxia do deporte”. Unha vez enviado o vídeo á organización, un comité de evaluadores valorará cuestións de forma e de fondo como o uso da voz, a estrutura, a exposición das ideas, inicios ou finais cativadores, entre outros.