O Castro British School acollerá o II Encontro de Debate Escolar

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O colexio británico situado en Mos albergará este sábado a máis de 70 escolares de Vigo e a súa área metropolitana que medirán as súas habilidades dialécticas baixo a fórmula de Debate Parlamentario Británico.
A segunda edición deste evento, que conta tamén co respaldo do Concello de Mos, contará ademais coa presenza de Roberto Pérez Marijuán, que impartirá unha charla inspiradora a todos os presentes.
Mos, 8 de maio de 2019.- O Castro British School acollerá este sábado entre as 9.00 e as 14.00 horas a segunda edición do Encontro de Debate Escolar, unha iniciativa de CODE, apoiada por O Castro British School, e á que este ano se suma o Concello de Mos. O evento congregará a máis de 70 nenos de seis entidades de Vigo e a súa área metropolitana. En total, 32 equipos, compostos por dous membros cada un, que competirán baixo a fórmula Debate Parlamentario. O evento, cuxa entrada é libre e gratuíta a todo o mundo, contará ademais coa presenza de Roberto Pérez Marijuán, que ofrecerá unha charla a todos os presentes, e coa entrega de premios do I Concurso de Oratoria Infantil, aberto aos centros escolares de Vigo e a súa área para alumnos de entre 3º e 6º de primaria.